CULTURA

Cine, teatro e moita música na programación cultural de febreiro

04/02/2009 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e o director-xerente do Auditorio, Paulo Rodríguez, presentaron en Raxoi a programación cultural do mes de febreiro en Compostela, cunha variada oferta de cinema, teatro, arte e música.

"Un mes pequeno en días e grande en número de actividades". Así definiu Socorro García Conde o febreiro cultural. Neste calendario destacan os eventos musicais aptos para todos os públicos, con propostas coma os concertos da Real Filharmonía de Galicia, do Conservatorio Profesional de Música ou da Asociación Cultural Solfa, ata o pop actual de maior éxito co directo de Beatriz Luengo no Teatro Principal.

Mais a principal cita coa música chegará a fins de mes coa actuación da caboverdiana Lura no festival Sons da Diversidade. Ademais, o 26 de febreiro terá lugar o espectáculo multidisciplinar Rosalía 21, unha homenaxe á gran poeta do Rexurdimento no que interveñen músicos e poetas como Anxo Angueira, Guadi Galego, Abe Rábade ou Uxía Senlle.

Nas artes escénicas destaca a presenza, o sábado 7 no Teatro Principal, dunha obra teatral de grande éxito comercial e artístico en toda España Muller busca home (que aínda non existe). A peza conta coa dirección do humorista Eloy Arenas e con actores de ampla traxectoria no eido das artes escénicas e a televisión como Andoni Ferreño, Diana Lázaro e Óscar Ladoire.

Exposicións, cinema galego e conferencias
Neste mes de febreiro abriranse tres mostras de arte promovidas pola Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais. Por primeiro, o 4 de febreiro, no Museo do Pobo Galego, inaugúrase a mostra do fotógrafo Fuco Reyes Retratos de auga. O 18 de febreiro abre no Auditorio de Galicia unha exposición antolóxica da obra do pintor galego Antón Mouzo, mentres que, na Zona "C", Sara Fuentes exporá a súa intervención artística a partir do mércores 25.

No eido cinematográfico, do 12 ao 18 de febreiro, celebrarase o V Ciclo de cinema gai, lésbico, bisexual e transexual, namentres que continúan as proxeccións de curtametraxes nos centros socioculturais da cidade, grazas ao ciclo O pequeno é fermoso, promovido pola Axencia Audiovisual Galega dentro do seu programa Cinemas Dixitais.

Ao tempo, desenvolveranse outras actividades multidisciplinares como a charla-obradoiro afectivo-sexual para mozos e mozas impartidas por Quérote; o obradoiro de animación en plastilina coa técnica Stop-Motion ofrecido por Artefacto; ou o programa A hora dos contacontos, que visitará os barrios da cidade.

Documentos relacionados



Compartir: