EDUCACIÓN E SANIDADE

Charla sobre alimentación saudable e dieta atlántica no marco do programa Thao Saúde Infantil

03/02/2009 O Concello, en colaboración coa Universidade de Santiago, organiza unha charla-informativa o mércores 4 de febreiro, ás 20:00 horas, na sede da Fundación Caixa Galicia (rúa do Vilar, 19). A sesión, que sen enmarca nas actividades do programa Thao Saúde Infantil, versará sobre a alimentación saudable e a dieta atlántica.

A charla-informativa será impartida polo catedrático de Pediatría da Universidade de Santiago e xefe de Pediatría do CHUS, Rafael Tojo e pola doutora María Rosaura Leis. Ambos son tamén asesores científicos da USC para o Programa Thao e o doutor Tojo pertence ao Comité Científico Nacional do mesmo.

A charla-informativa está destinada principalmente a educadores, pais, nais, monitores de comedores escolares, monitores de tempo libre, nutricionistas, dietistas e todo aquel interesado na prevención e promoción de hábitos saudables de vida. O obxectivo é transmitir eses hábitos fundamentalmente aos nosos nenos e nenas.

Esta actividade inscríbese no programa Thao Saúde Infantil, que ten como obxectivo promover hábitos de alimentación saudable, educando e familiarizando aos nenos de xeito lúdico na diversidade, no sabor dos alimentos e na boa elección. Ao mesmo tempo, preténdese estimular nos pequenos o hábito da actividade física -non só a deportiva-, os xogos activos e a participación lúdica e social.

Santiago de Compostela é a primeira cidade galega na que se pon en marcha o programa Thao Saúde Infantil.

Compartir: