TRANSPORTE

Todas as solucións de mobilidade, a un clic na nova web de TUSSA

03/02/2009 O concelleiro de Transportes, Carlos Nieves, presentou o novo portal web da Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano de Santiago, TUSSA. A páxina ofrece a un clic, en tempo real e dun xeito doado, todas as solucións de mobilidade na cidade.

Grazas a esta web, www.tussa.org, o cidadán atopará información detallada sobre todos os produtos e servizos de TUSSA, coma o transporte urbano. Dende xa, é posible consultar toda a información respecto ás liñas de autobús metropolitano: tarifas, horarios, paradas... O buscador permite tamén coñecer todas as liñas que pasan por unha determinada parada, e ver os resultados no mapa, para poder escoller o itinerario que mellor conveña.

O portal permite tamén coñecer, para desprazamentos de máis percorrido, todas as liñas que operan desde a Estación de Autobuses, cos datos de contacto de todas as empresas que operan cada unha delas. Tamén se pode consultar a mellor maneira de achegarse á propia Estación de Autobuses desde distintos puntos de orixe.

Toda a oferta de transporte
Os que prefiran moverse en bicicleta pola cidade poden atopar na web toda a información relativa ao servizo Combici: a localización dos diferentes puntos de préstamo, as condicións de uso, as tarifas... Tamén se poderán descargar directamente os documentos para a inscrición no servizo.

Para os desprazamentos en vehículo privado, a páxina permite aos internautas coñecer todos os servizos dos aparcadoiros xestionados pola empresa, o de Belvís e o de Xoán XXIII. Pódese consultar a localización dos mesmos e a información sobre como chegar desde diferentes puntos de fóra da cidade e coñecer os servizos que ofrece cada un. Ademais, pódense descargar as tarifas e incluso solicitar o abonamento en liña.

Ademais, a través do formulario de Mobilidade, pódense enviar as dúbidas ou problemas concretos de transporte, e a empresa dará a solución máis axeitada a cada caso nun prazo máximo de 24 h. Esta opción completa así un servizo que permitirá que tanto os cidadáns como os turistas aproveiten ao máximo a oferta de transporte de Compostela.

A páxina contén tamén información institucional sobre a empresa e un apartado de actualidade xerada e relacionada con TUSSA, con acceso a novas e imaxes. A web complétase cun listado de ligazóns de interese.

Na presentación da nova web estiveron, ademais do concelleiro de Transportes, o xerente de TUSSA, José Ramón Mosquera, e o técnico de Acordar Denis Mariño.

Compartir: