PROMOCIÓN ECONÓMICA E MERCADOS

Un estudo amosa a boa saúde do comercio compostelán

06/10/2005 A concellería de Comercio e Mercados presenta datos que amosan a "boa saúde" do comercio compostelán, e promoverá entre os comerciantes composteláns un concurso de escaparatismo.

O concelleiro de Comercio e Mercados, Xosé Manuel Iglesias, presentou os resultados do estudo para medir a potencialidade do comercio compostelán encargado pola Mesa do Comercio, que se reuniu o xoves 6 no Concello. O estudo, que se completará cunha enquisa realizada a 1.400 persoas de Santiago, reflicte, segundo Iglesias, a "boa saúde do comercio de Santiago". Para levar a cabo esta enquisa distinguíronse catro tipo de compradores: residentes en Santiago e comarca, estudantes, turistas e residentes nas comarcas do Sar e Ordes.

O comercio compostelán, do que forman parte 3.992 estabelecementos minoristas, representan máis do 10% dos comercios da provincia. A hostalería, a alimentación, o textil e o calzado son os subsectores de maior peso.

Por outra banda, a superficie dedicada á actividade comercial no concello de Santiago é de 271.044 metros cadrados, dos que 30.000 están ocupados por centros comerciais. A superficie dedicada aos comercios minoristas en Santiago significa o 69,6% da superficie comercial minorista da comarca.

Outro dos baremos que mide o potencial de crecemento do comercio é o índice de saturación comercial. Se ben Santiago presenta un índice de saturación baixo, se se considera ademais da poboación residente a clientela potencial -cada día máis Santiago mira a cidades como Lalín, o Barbanza ou Padrón-, o mercado é máis atractivo.

Por outra banda, os índices de actividade, calculados en función do Imposto de Actividades Económicas (IAE), permiten comparar a importancia que cada actividade ten nun concello. Santiago supera os niveis provinciais, galegos e españois nos catro índices analisados.

Por outra banda, Iglesias anunciou que a concellería de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Mercados está a organizar un concurso de escaparatismo entre os comerciantes composteláns para premiar a aqueles comercios que durante as catro estacións do ano coiden a súa imaxe. Así mesmo, a súa concellería presentará proximamente unha web na que se exporá o traballo que se está a levar a cabo nas políticas de dinamización comercial de Santiago.

Compartir: