PLENO

O Pleno aproba un orzamento consolidado de 159 millóns de euros no que prima o gasto social e as políticas de emprego

02/02/2009 Cos votos favorables do grupo de Goberno e o negativo do PP, foron aprobados os orzamentos municipais para 2009 nun Pleno extraordinario. A cifra consolidada para este exercicio, sumado o orzamento municipal e o dos organismos autónomos e empresas xestionadas polo Concello, ascende a 159,2 millóns de euros.

O concelleiro de Facenda e Orzamentos, Andrés Fariña, explicou no Pleno as distintas partidas de ingresos e gastos das contas de 2009. Analizando as mesmas, destacou que se trata duns orzamentos que teñen como obxectivo prioritario o gasto social e as políticas de emprego, capítulos onde se rexistran incrementos significativos. Así o recordou tamén na súa intervención a voceira do BNG, Elvira Cienfuegos, ao lembrar subas como as dos gastos para prestacións e servizos a persoas e familias (70%) ou para asociacións que prestan asistencia benéfica ou asistencial (25%).

Os orzamentos municipais, de 115.889.950 euros (un, 1,48% máis que en 2008), prevén un superávit de 794.000 euros, que se destinarán a inversión, indicou Fariña. Neste sentido, o alcalde lembrou na súa intervención final que o Concello leva nove anos cun saldo favorable, que ata 2008 se tiña que destinar a compensar o remanente negativo pero, eliminado este, será xa destinado a inversión.

O capítulo de investimentos, foi cualificado como "ambicioso" por Elvira Cienfuegos, quen valorou tamén que estes orzamentos "poñen a capacidade de captar recursos externos e o endebedamento ao servizo da cidadanía". Precisamente sobre o endebedamento, Fariña indicou que o mesmo se sitúa na actualidade en 723 euros por habitante, e resaltou que "a carga financeira vai diminuíndo cada ano".

Recalcou finalmente o alcalde que, sumados os 159 millóns de euros dos orzamentos municipais cos 16,5 millóns do fondo estatal de inversión pública, os 26 millóns do Consorcio e a posibilidade de dun crédito adicional de 4,5 millóns, o gasto previsto para este 2009 na cidade ascende a máis de 200 millóns de euros. A xestión destas contas xera por si mesma 4.000 empregos directos, tanto en persoal municipal como en contratacións para xestionar diversos programas.

Máis gasto corrente
Un repaso ás cifras do orzamento permite observar que os gasto corrente alcanza os 81.670.000 euros, dos que 36.205.875 euros para gastos en bens correntes e servizos (onde se inclúe o gasto social), o que supón un 6,9% máis que en 2008. Neste capítulo rexístranse incrementos significativos en áreas como o mantemento dos colexios ou o alumeado público, entre outras. O gasto en persoal sitúase nos 32.655.139 euros.

En canto aos ingresos, o incremento medio dos ingresos por impostos e taxas sitúase entre un 1,6 e un 2,2%. Destaca a incorporación da nova taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial de dominio público das empresas de telefonía móbil. Por impostos directos e indirectos, taxas e outros ingresos, o Concello ingresará 67.647.215 euros. O capítulo de transferencias correntes (do Estado, da Xunta, do Consorcio...) alcanza os 27.920.764 euros, un 4,9% máis que en 2008.

Compartir: