DEPORTES

A Agrupación Deportiva Salesianos fíxose co Premio Especial Deporte e Vida

30/01/2009 A Agrupación Deportiva Salesianos Don Bosco foi galardoada co Premio Especial Deporte e Vida por ser a entidade que, no primeiro ano do desenvolvemento do Plan Integral Deporte e Vida, destacou na aplicación conxunta da saúde, a educación, o benestar social e a non violencia na formación dos seus deportistas a través do deporte. A entidade recibiu o premio no transcurso da Gala do Deporte Compostelán, presidida polo alcalde e presidente da Fundación Compostela Deporte, Xosé A. Sánchez Bugallo, e que contou con Caixanova como padriño de honra.

Os Premios Deporte e Vida para cada un dos apartados receron en: ASPAS, HC Raxoi, Lobelle, Cluny, Xuventude Oroso, Calo, A Inmaculada, Arteal, AEF Rosalía e Villestro. O recoñecemento á Empresa Solidaria foi para Begano e o Grupo Correo. Nun acto previo á Gala a Fundación entregou as Axudas a un total de 77 clubes federados, pertencentes a 31 disciplinas deportivas.

Ademais, os profesores da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago Jorge Sobral e José Antonio Fraguela recolleron o Premio Deporte e Investigación, cunha contía de 6.000 euros, outorgado a esta institución polo seu traballo –xunto co persoal da Fundación Compostela Deporte- de investigación sobre os valores e comportamentos do deporte compostelán.

Os resultados desta investigación están recollidos na publicación "O Deporte Compostelán: presente e futuro", que se entregou aos asistentes á Gala, que tamén recibiron un libro co balance dos beneficios das catro edicións das Bolsas para deportistas individuais realizado por Mariano García-Verdugo; así como a Memoria da Fundación do 2007 coas actividades, programas e as contas avaladas por unha auditoría. En breve, a Fundación fará pública a Memoria do 2008..

Os Trofeos á Empresa Solidaria foron outorgado a dúas entidades: Begano-Coca Cola e Grupo Correo Gallego. Seleccionadas pola súa aposta aberta polo deporte compostelán e porque teñen presenza en moitos eventos deportivos.

Cómpre lembrar que os Premios Deporte e Vida están enmarcados dentro do Plan Integral Deporte e Vida (PIDEVI), e teñen o obxectivo de premiar aos clubes que destaquen no fomento de aspectos e valores que contribúan á formación integral dos deportistas composteláns. O PIDEVI vai dirixido non só ás entidades deportivas de Santiago, senón tamén ás dos Concellos de: Ames, O Pino, Oroso, Teo e Vedra.

Gala do Deporte Compostelán
A Gala do Deporte Compostelán –marco de entrega dos Premios Deporte e Vida-, á marxe de supoñer por cuarto ano consecutivo un punto de encontro para os representantes dos distintos colectivos que forman o tecido deportivo de Santiago e a súa área de influencia, a través da Exposición do Deporte Compostelán rendeu unha homenaxe ao Racing de San Lorenzo polo 80 aniversario da súa constitución e á SD Villestro polo seu 25 aniversario. A mostra contou con imaxes e material deportivo antigo, non só das entidades homenaxeadas, senón tamén doutras disciplinas deportivas practicadas na nosa cidade como, por exemplo, motociclismo, esgrima, ciclismo, hockei, baloncesto ou fútbol, entre outros.

Axudas
Por outra banda, nun acto previo á Gala, a Fundación Compostela Deporte entregou por cuarto ano consecutivo as Axudas aos clubes federados, das que se beneficiarán 77 entidades, pertencentes a 31 modalidades deportivas diferentes: atletismo, baloncesto, balonmán, caza e pesca, ciclismo, defensa persoal, discapacitados, esgrima, fútbol, fútbol sala, golf, hípica, hockei, iudo, karate, loita, montañismo, motor, natación, orientación, padel, patinaxe, taekwondo, tenis, tenis de mesa, tiro con arco, triatlón, voleibol, waterpolo, xadrez e xogos tradicionais.

Documentos relacionados



Compartir: