EDUCACIÓN

Máis de 2.000 pequenos de 4 a 8 anos disfrutaron co espectáculo "A cama voadora"

29/01/2009 Remataron esta mañá as representacións de A cama voadora no Teatro Principal. En total, foron oito funcións desta obra didáctica posta en escena por Calamar Teatro, ás que asistiron máis de 2.000 escolares de 4 a 8 anos.

A Concellería de Educación e a Obra Social de Ibercaja fixeron posible estas representacións, coas que os máis pequenos puideron desenvolver as súas capacidades estéticas e achegarse á danza contemporánea. Inspirado nun coñecido conto da tradición islandesa, A cama voadora aproveitou a expresividade, a creatividade e o movemento do baile para transmitir aos nenos e nenas, mediante títeres e sombras chinesas, ao mundo da danza.

As caras dos rapaces reflectían á saída de cada función o encanto que lles produciu a historia de Hilini, o único fillo dunha raína desaparecido no bosque. A súa salvadora resultou ser Signy, a filla duns campesiños que o atoparon na cova dunha troll. Unha bonita historia nun mundo máxico narrada ao ritmo da música de diversos instrumentos.

Os alumnos e profesores dispoñían dunha unidade didáctica sobre a obra para logo traballar posteriormente a mesma na aula. Asistiron ás oito sesións do Principal os centros escolares Cardeal Quiroga Palacios, Raíña Fabiola, López Ferreiro, Compañía de María, A Milagrosa, Nosa Señora dos Remedios, San Francisco Javier, A Inmaculada, Fontiñas, Peleteiro, Pío XII, Vilas Alborada, Ramón Cabanillas, San Xurxo, Apóstolo Santiago, Lamas de Abade, Mestre Rodríguez Xixirei, Roxos, Casas Novoa, San Paio e Divino Mestre.

A colaboración entre o Concello e Ibercaja reanudarase en febreiro, neste caso cun espectáculo destinado a alumnos de secundaria e bacharelato. Titúlase A historia do século XX a través do rock.

Compartir: