OMIC

A OMIC elabora un formulario para reclamar indemnizacións ante a interrupción de subministro eléctrico

28/01/2009 Ante os problemas sufridos nalgunhas zonas de Santiago relativos á falla de subministro eléctrico nos últimos días por mor do temporal, a Oficina Municipal de Información ao Consumidor vén de elaborar un formulario para que os usuarios que se viron afectados por esta circusntancia poidan reclamar ante Unión Fenosa. Os devanditos formularios poden solicitarse nas dependencias da OMIC (rúa Salvador Allende, 6-8, baixo) ou descargase nesta páxina web.

A OMIC elaborou dous escritos tipo, un destinado a Unión Fenosa e outro para a delegación provincial da Consellería de Industria. No primeiro deles, solicítase da empresa Unión Eléctrica Fenosa a aplicación dun desconto do 10% na facturación anual do abonado reclamante, ademais da indemnización dos danos e prexuízos ocasionados pola interrupción temporal do subministro, segundo a valoración que se deberá achegar nun documento anexo.

O segundo dos documentos require da delegación provincial de Industria que se adopten as medidas oportunas para que Unión Fenosa proceda a realizar o desconto solicitado e atenda as reclamacións dos afectados.

Tal e como se establece no formulario "aínda sen descoñecer que na madrugada do 23 ao 24 de xaneiro en Galicia se produciron fortes ventos, esta circunstancia non pode ser alegada como exonerante da responsabilidade, toda vez que as instalacións eléctricas nunha comunidade como Galicia, onde a presenza de temporais é frecuente, deben estar suficientemente protexidas en orde a evitar os danos que poidan derivarse para os consumidores como consecuencia destes eventos. Polo tanto, sen perxuízo do anterior, resulta imputable a responsabilidade á empresa subministradora en atención á falla de dilixencia de ésta en proceder á reparación da rede, pois no termo municipal de Santiago de Compostela non pode atribuirse esta tardanza á existencia de danos irreparables nas instalacións (circunstancia ésta que resulta constatable) senón máis ben á escasa presenza de persoal técnico destinado á reparación".

O propio documento lembra así mesmo que os feitos sucederon na fin de semana, e fai tamén referencia ás propias condicións de precariedade e obsolescencia da rede, posto que son frecuentes as interrupcións de subministro nos días de vento, chuvia e tormenta, circunstancias climatolóxicas moi habituais nesta zona xeográfica.

Compartir: