CONSORCIO

O Consorcio investirá máis de dous millóns de euros en intervencións na rúa do Home Santo e no Pazo de Bendaña

27/01/2009 A Comisión Executiva do Consorcio de Santiago, presidida en sesión ordinaria polo alcalde e presidente da entidade, Xosé A. Sánchez Bugallo, aprobou, entre outros acordos, intervencións na rúa do Home Santo e no Pazo de Bendaña. Estas dúas obras supoñen un investimento de 2.125.569 euros.

O proxecto de intervención na rúa do Home Santo realizarase en dúas fases. A primeira actuación, que conta cun orzamento total de 1.396.116 euros, consiste na reurbanización completa das rúas do Home Santo de Bonaval e Angustia, con renovación da calzada, beirarrúas e instalacións de abastecemento e saneamento. Estas obras contemplan a ampliación da calzada, introducindo unha nova rede de comunicacións.

Tamén se levará a cabo o proxecto de reurbanización da rúa de Home Santo ata a praza existente na confluencia coa zona da Estación de Autobuses. O obxectivo é dotar de maior uso peonil esta zona, potenciando o uso da praza como zona de xogos e de paso. O desenvolvemento da intervención, que se atopa en fase de anteproxecto, ten un custo total de 57.739 euros.

Por outra parte, a Comisión Executiva aprobou o proxecto de intervención no Pazo de Bendaña, consistente en adaptar as instalacións que estaban ocupadas pola Empresa Municipal de Vivenda e Solo (EMUVISSA) dentro do propio Pazo para o seu uso como parte integrante da Fundación Granell. O proxecto contempla o ordenamento do espazo público expositivo arredor da escaleira principal do Pazo, abrindo de novo espazos interiores de conexión entre a Fundación e os novos espazos exteriores colindantes. O custo total da intervención alcanza os 671.712 euros.

Proxecto de restauración dos retablos de Ánimas
Ademais, aprobouse o proxecto de restauración dos retablos de Ánimas. Este documento parte do estudo previo que, a comenzos de 2006, plantexou un conxunto de actuacións para a restauración dos retablos de Ánimas. A raíz do informe creouse un Obradoiro de formación para restauradores en estuco de xeso en colaboración co Opificio delle Pietre Dure de Florencia.

Os técnicos da OPD manifestaron posteriormente a necesidade dun proxecto de conservación máis amplo para todo o conxunto. Así desenvolveuse un primeiro proxecto para a intervención sobre dous retablos, de tal maneira que serviron de experiencia para a elaboración do proxecto definitivo que agora se aproba e que se aplicará ao conxunto dos sete retablos restantes. O custo total de intervención ascende a 309.000 euros.

Mantemento de enlousados
Entre os acordos tamén figura o orzamento previsto polo Consorcio para levar a cabo o proxecto de mantemento de enlousados para o exercicio de 2009. É de 276.086 euros, repartido en dúas zonas de intervención que se encomendarán a empresas diferentes.

Subvencións de rehabilitación
Igualmente acordouse a concesión de dúas subvencións iniciais de rehabilitación para elementos singulares de Madeira e outras dúas definitivas para mantemento de edificios por un importe total de 22.121 euros. A aceptación destes expedientes de axudas queda condicionada á aprobación pola Xunta de Goberno Local do Concello.

Museo Luis Iglesias
Finalmente, a Comisión Executiva acreditou a toma en coñecemento do proxecto do Museo de Historia Natural Luis Iglesias, redactado pola Universidade de Santiago de Compostela, e que se construirá dentro do Parque de Vista Alegre.

Compartir: