TURISMO

Turismo de Santiago promociona a cidade en Fitur

23/01/2009 Turismo de Santiago estará presente en Fitur, a feira turística máis importante do Estado, que se celebrará en Madrid entre o 26 de xaneiro e o 1 de febreiro. O obxectivo do Departamento é promocionar a cidade no seu conxunto, seguindo a estratexia de promoción cara o Ano Santo Compostelán 2010, que marcará a promoción da cidade tanto estatal coma internacionalmente durante este ano.

Tendo en conta que o turista viaxa cada vez máis buscando atractivos concretos, prestarase especial atención nesta Feira a aqueles segmentos de mercado que se teñen detectado máis interesantes para a cidade e nos que Turismo de Santiago está facendo un maior esforzo promocional e de desenvolvemento de produtos: turismo relixioso, turismo enogastronómico, turismo de incentivos e turismo cultural. Por este motivo Turismo de Santiago estará presente tanto en Fitur Congresos, que terá lugar o 26 e o 27 de xaneiro, como an propia Feira para profesionais e público xeral, que terá lugar do 28 de xaneiro ao 1 de febreiro.

Turismo relixioso
Santiago é unha das cidades santas da cristiandade, polo que é unha referencia para o turismo relixioso. Por exemplo, nun estudo recente da Oficina Española de Turismo (OET) en Roma, Santiago aparecía como o sétimo destino mundial neste tipo de turismo. Tamén se cualificaba á Santiago como "o destino de turismo relixioso español por excelencia para o turista italiano". Neste segmento de mercado, Turismo de Santiago traballará en dúas liñas fundamentais, reforzando a tarefa desenvolvida na 1ª Feira Internacional de Turismo "Journeys of the Spirit Festival", que se realizou en Roma entre o 15 e o 18 de xaneiro.

Por unha banda está a consolidación da Alianza das tres Cidades Santas da cristiandade, mantendo reunións cos representantes de Roma e Xerusalém, definindo posibles proxectos de promoción e comercialización conxunta dos tres destinos. E por outra, definindo tamén programas concretos de promoción e comercialización do destino a través da Opera Romana Pellegrinaggi, entidade encargada de promover e organizar peregrinacións e viaxes relixiosos do Vaticano, que é o emisor máis importante de turismo relixioso de Italia.

Turismo enogastronómico
Turismo de Santiago está facendo un esforzo importante na promoción da enogastronomía galega como un dos atractivos da cidade. Na feira de Madrid presentará os programas que actualmente está desenvolvendo ao longo do ano: Sabores de Paixón –o programa gastronómico que se deseña para Semana Santa-, SANTIAGO(é)TAPAS –que no 2008 tivo a súa primeira edición con máis de 20.000 tapas consumidas, o Forum Gastronómico– de periodicidade bianual e que terá a súa segunda edición no 2010-, e Santiago Repetirás –o programa de desestacionalización baseado na enogastronomía.

O esforzo maior farase na promoción do programa de desestacionalización, que rematará o 31 de abril, e no que nesta edición participan sete touroperadores, o maior número dos programas de desestacionalización realizados ata o momento: Transhotel, Soltour, Viagal, Hotelbeds, Atrápalo, Costas Galicia e Compostur, o propio touroperador de Turismo de Santiago. Tamén se promocionará o convenio asinado con Viaxes El Corte Inglés, a maior axencia de viaxes do Estado, que comercializa paquetes especiais da cidade na Península Ibérica.

Turismo de incentivos
Turismo de Santiago presentará á cidade como o destino ideal para que as empresas e organizacións celebren as súas viaxes de incentivos. O turismo de incentivos, dentro do turismo de congresos e reunións, definido como aquel no que as empresas incentivan aos seus empregados e/ou colaboradores mediante viaxes de ocio, é un dos segmentos de mercado con maior potencial de crecemento nos vindeiros anos. Ten dúas características que o fan interesante para Santiago: supón un importante impacto económico, tanto porque o gasto diario do participante é maior que a media dos visitantes tradicionais como porque precisa de empresas de servizos na localidade; e fomenta a desestacionalización, xa que o 70% dos viaxes de incentivos se realizan fóra da temporada alta.

Aos seus atractivos turísticos, Santiago suma unha completa infraestrutura tanto hoteleira coma de servizos para acoller a todas aquelas empresas e organizacións que queiran celebrar na cidade as súas viaxes de incentivos. Santiago conta có aeroporto central de Galicia, conectado cos principais destinos estatais. Tamén, pola súa posición central, está conectada cos principais destinos galegos, o que permite facer excursións tanto á costas coma o interior ou a outras cidades.

Turismo cultural
Santiago é un destino cultural de primeira orde mundial. É unha cidade Patrimonio da Humanidade, meta final do Camiño de Santiago, que posúe un amplo patrimonio histórico e monumental, pero tamén obras de arquitectos contemporáneos de renome internacional como Álvaro Siza, John Hejduk, Peter Eisenman, Josef Paul Kleihues, Girorgio Grassi o Arata Isozaki, a Universidade, unha das máis antigas do Estado con máis de cinco séculos de historia, e unha rica rede de museos, coleccións, salas de exposicións e galerías de arte.

En Fitur, Turismo de Santiago manterá múltiples reunións con touroperadores, organizacións e institucións vinculadas ao sector do turismo cultural para continuar consolidando o seu posicionamento internacional. Destaca a reunión que se manterá entre o grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, onde se plantexarán novos proxectos conxuntos de promoción destes destinos e se avaliarán os que se teñen levado a cabo.

Compartir: