DEPORTES

Máis de 1.000 alumnos de 23 centros educativos participaron na II Campaña escolar de iniciación á patinaxe sobre xeo

23/01/2009 Entre esvaróns, pequenas caídas e, sobre todo, moitos sorrisos, rematou a II Campaña escolar de iniciación á patinaxe sobre xeo, organizada pola Concellaría de Deportes en colaboración coa empresa XADE. Nesta segunda edición, a actividade resultou tamén un éxito de participación.

A campaña totalmente de balde para os colexios e institutos da cidade, celebrouse no Recinto Feiral de Amio do 12 ata o 23 de xaneiro, e acolleu a máis de 1.000 alumnos e alumnas de 22 centros educativos. Aprenderon a patinar escolares dos seguintes colexios: IES Lamas de Abade, IES A Pontepedriña, IES Xelmírez I, IES Eduardo Pondal, IES Xelmírez II, IES de Sar, IES Antón Fraguas, Colexio Peleteiro, Colexio A Milagrosa, Colexio Nosa Señora dos Remedios, Colexio San José de Cluny, Colexio San Francisco Javier, CEIP Vite I, CEIP Apóstolo Santiago, CEIP López Ferreiro, CPR Juventud, CEIP Quiroga Palacios, CPR San Pelayo e Colexio Rexional de Xordos de Santiago.

O tramo de idade comprendía dende o 3º ciclo de Primaria ata Bacharelato. Os alumnos participantes asistiron en horario de mañá, de luns a venres, en tres quendas distintas, 10:00, 11:15 e 12:30 horas, previa reserva na Concellaría de Deportes.

Traballáronse diferentes contidos prácticos orientados á patinaxe sobre xeo, exercicios de equilibrio e deslizamento, ademais de exercicios da técnica básica de patinaxe, freadas e xogos aplicados impartidos polo persoal técnico da pista de xeo.

A Concellaría de Deportes está a enviar aos colexios enquisas para valorar o servizo prestado e así poder mellorar a oferta en campañas vindeiras. O Departamento agradece a participación a todos os centros educativos nesta actividade.

Compartir: