ALCALDÍA

O alcalde agarda coñecer en febreiro o proxecto de entrada da liña do AVE en Santiago

23/01/2009 Os trámites para a construción do tramo da liña do AVE de entrada en Santiago xa están en marcha. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, expresou a súa satisfacción por esta nova e agarda que no mes de febreiro se poida coñecer este proxecto.

Segundo indicou respecto á futura obra, "en principio si se contempla o falso túnel solicitado polo Concello e tamén a ampliación do viaduto de Cornes". Recordou que se contempla un tramo de 3,6 quilómetros e un investimento de 56 millóns de euros, coa previsión de finalizar a obra en 2012.

Á vista deste horizonte temporal, Sánchez Bugallo indicou que "aínda se fan máis necesarias as estacións do AVE de Santiago e Ourense, cuxa tramitación segue procesos semellantes. Estas dúas cidades quedarán unidas polo AVE cunha liña que reduce a distancia dos 112 quilómetros actuais ata os 87. Será o único tramo no que o tren poderá alcanzar os 350 quilómetros por hora.

Plan Funcional do CHUS
Na súa rolda de prensa semanal dos venres, o alcalde tamén se referiu ao Plan Funcional do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), a cuxa presentación asistiu. Considera "extraordinariamente importante que por primeira vez a Consellería de Sanidade trace un plan global de futuro. En particular, destacou a previsión de derruba do Gil Casares para construír un novo módulo con seis plantas perfectamente comunicado co Hospital.

Nese proceso de ampliación do complexo, Sánchez Bugallo reclamou que se "compense o déficit de prazas de aparcadoiro" que se foi xerando coas sucesivas ampliacións realizadas nos dez anos de vida do mesmo. Recordou que ás máis 400 prazas do novo aparcadoiro en construción, que terán carácter rotatorio, aliviarán a situación. Pero insistiu na necesaria "racionalización" da utilización das prazas de aparcadoiro vinculadas ao CHUS, pois afirmou ter constatado que moitas desas prazas son utilizadas por algunhas persoas de forma permanente.

Tamén indicou o rexedor municipal que a área hospitalaria de Santiago "aínda ten moitas posibilidades de crecemento". Nese sentido, agarda que canto antes se acometa a construción do novo Centro Nacional de Biomedicina.

ARI de Pontepedriña
A declaración pola Xunta como área de rehabilitación integral (ARI) dos bloques Compostela e Cardeal Quiroga Palacios, en Pontepedriña, tamén foi analizada por Sánchez Bugallo. Expresou a súa confianza nunha "tramitación áxil" e apuntou que será un proceso que "requirirá moita paciencia por todas as partes, pero que pagará a pena".

Portos de Galicia e Museo Luís Iglesias
Finalmente, o alcalde anunciou no Pleno ordinario do 29 de xaneiro aprobarase a modificación do Plan Parcial do SUNP-16 de Conxo, que permitirá a concesión da licenza para construción do edificio de Portos de Galicia. Tamén neste pleno darase o visto bo á Plan Especial que facilitará a obra do Museo de Historia Natural "Luís Iglesias" na Finca Vista Alegre. En breve será presentado o proxecto e sacadas as obras a licitación.

Compartir: