ALCALDÍA

O Centro Cultural Xoán XXIII remodelarase para ser tamén centro de día

21/01/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu ao director da Asociación Centro Cultural-Social Xoán XXIII, Padre Frei Francisco J. Honrubia. Este informouno do proxecto para remodelar o centro e convertelo así tamén en centro de día.

Honrubia explicoulle polo miúdo a Sánchez Bugallo as obras que se van acometer no Centro para facer que funcione tamén como centro de día. Cómpre lembrar que na actualidade presta un servizo de acollida durante a noite para transeúntes durante todo o ano. Tamén se quere adaptar unha parte do Centro para impartir cursos formativos.

O Centro Cultural-Social Xoán XXIII e o Concello veñen colaborando dende hai anos. Este traballo conxunto materialízase nun convenio polo que o Concello achega unha cantidade económica para o devandito servizo de acollida nocturna. Tamén se estende a colaboración a outros servizos complementarios que ofrece o albergue: servizo de duchas de mañá, servizo de lavandería, servizo de roupeiro, complemento alimentario e servizo de consigna para gardar equipaxes.

Compartir: