TURISMO

Marcelo Tejedor ensina os seus secretos en "Santiago Repetirás"

21/01/2009 O sábado 24 de xaneiro terá lugar a terceira sesión de Merco e cociño con..., conducido nesta ocasión polo prestixioso cociñeiro Marcelo Tejedor. Trátase dun innovador taller, incluído nas actividades do programa gastronómico Santiago Repetirás, organizado por Turismo de Santiago, no que os asistentes poden experimentar en que consiste un día na vida dun cociñeiro, facendo primeiro a compra do produto para convertelo a continuación nun suculento menú.

O taller comeza ás 10:00 horas cunha visita ao tradicional Mercado de Abastos, onde os quince asistentes aprenderán con Marcelo Tejedor a recoñecer os mellores produtos. Seguidamente, no Hostal dos Reis Católicos, esta destacada figura da cociña de autor galega elaborará un menú de tempada cos produtos mercados. A actividade ten un prezo de 20 euros e ao seu remate degustaranse os pratos preparados.

Marcelo Tejedor é o cociñeiro e propietario de Casa Marcelo, en Santiago de Compostela, destino de peregrinación gastronómica dende toda Galicia e España. Distinguido cunha estrela Michelín, ofrece cociña creativa elaborada a partir de materias primas de primeira calidade. O tamén posuidor dunha estrela Michelín Pepe Solla impartirá o seguinte Merco e Cociño con…, que terá lugar o día 21 de febreiro.

Dende o comezo de Santiago Repetirás en novembro son xa 380 as persoas que teñen asistido ás actividades gastronómicas, consistentes en catas de viños maridados con produtos galegos, talleres gastronómicos para nenos e dúas sesións de Merco e Cociño con..., nas que participaron os cociñeiros Iago Castrillón, gañador do I Concurso de Tapas de Turismo de Santiago, e Beatriz Sotelo, nomeada Mellor Cociñeira de España en 2008.

Entre os participantes, xunto a veciños e veciñas de Santiago e comarca, hai persoas procedentes de toda Galicia, de Madrid ou Barcelona, e mesmo doutros países, coma Alemaña, Italia, Francia, Bélxica, Brasil ou Estados Unidos.

Ademais destas actividades, ata o mes de marzo 35 estabelecementos de hostalería da cidade ofrecen menús e tapas da cociña de inverno todas as fins de semana, baseados en pratos típicos desta estación como guisos, potaxes ou caldos.

O obxectivo da Concellaría de Promoción Económica e Turismo co programa Santiago Repetirás é converter a enogastronomía galega nun dos atractivos da cidade. Todas as actividades están abertas tanto visitantes coma habitantes de Compostela, previa reserva de praza en www.santiagorepetiras.com ou no teléfono 902 190 160.

Compartir: