BENESTAR SOCIAL

A Concellaría de Muller promove o curso "A saúde a través da arte"

20/01/2009 A concelleira de Benestar Social e Muller, Mar Martín, presentou esta mañá o curso A saúde a través da arte, que de desenvolverá no Centro Sociocultural de Fontiñas do 20 de xaneiro ao 10 de marzo. Este curso está destinado a aquelas mulleres que queiran vivir a arte como medio de expresión, crecemento e mellora persoal nun espazo aberto á participación e ao diálogo. A propia concelleira inaugurará estas sesións ás 19:30 horas en Fontiñas.

A saúde a través da arte formula unha reflexión sobre os nosos procesos internos, os nosos sentimentos e as nosas emocións. Proponse vivir estes procesos achegando o individuo, a través de diferentes técnicas plásticas, ao redescubrimento das súas propias capacidades e habilidades, desenvolvendo a autoestima a través de procesos creativos en grupo.

Entre os obxectivos do curso está potenciar o estado de saúde e benestar da persoa a través do traballo creativo e desenvolver a capacidade de expresión. Para iso, experimentarase con distintas técnicas plásticas nun espazo de diálogo, encontro e integración.

A importancia e a influencia da cor e dos materiais no proceso creativo e no estado anímico da persoa sairán á luz grazas ao traballo con acuarela en base húmida e pastel. O curso xirará en torno a técnicas e temas como os degradados de cor, os círculos cromáticos, a observación da natureza ou os ciclos do ano. A arxila empregarase para lograr a expresión a través do volume. Ademais, faranse debuxos e formas ao inicio das sesións, como métodos para fortalecer a concentración, traballar o trazo e traballar o ritmo a través da liña.

O curso desenvolverase en 14 sesións de 2 horas cada unha. As clases celebraranse dúas veces por semana: os martes de 19:30 a 21:30 horas e os mércores de 20:00 a 22:00 horas. Participarán 16 mulleres, que atenderán as explicacións do docente e artista plástico Ismael Rodríguez Fraga, quen acompañou a Mar Martín na rolda de prensa.

Compartir: