BENESTAR SOCIAL

A Asociación Qu Yuan promoverá unha aula de chinés para nenos e nenas en Compostela

19/01/2009 A concelleira de Benestar Social e Muller, Mar Martín, amadriñou á recentemente creada Asociación Educativo Cultural Qu Yuan (ACEQU), na súa presentación pública. Esta entidade sen ánimo de lucro está promovida por varias familias adoptantes en China. Ten como fin fomentar o coñecemento da lingua e da cultura chinesa polos nenos e nenas.

Un dos obxectivos da ACEQU é a conseguir unha unidade permanente para a aprendizaxe do chinés, segundo anunciou a súa presidenta, Mila Sánchez Quijano. Actualmente, o ensino desta lingua unicamente é posible a partir dos 14 anos e no ámbito das escolas oficiais de idiomas. A Asociación quere que a aprendizaxe sexa posible dende infantil, cubrindo o ensino de primaria cunha unidade aberta tanto a chineses como a calquera outro neno, que logo tería continuidade nas EOI.

"A aprendizaxe do chinés tería unha rendibilidade intelectual e social", indicou Mila Sánchez a propósito do potencial que podería representar para un país o coñecemento desta lingua no mundo actual. A aula proposta funcionaría ademais como un importante foco de dinamización de actividades de difusión da cultura chinesa para as nenas e nenos e, por extensión, para as súas familias: contacontos, monicreques, exposicións, charlas, etc.

Mar Martín expresou o apoio municipal a esta nova asociación, que xorde como "un espazo de difusión e mantemento da cultura de orixe dos nenos e nenas chineses". Na actualidade son unhas 80 familias as que teñen adoptados rapaces (a maioría nenas) desta nacionalidade en Santiago e comarca, se ben foron 17 as que promoveron inicialmente esta entidade, apuntou a secretaria de ACEQU, María Jesús Fernández Díaz..

A Asociación inicia a súa actividade coa mesa redonda Interculturalidade e adopción, que se celebrará no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche o venres 23 de xaneiro ás 19:30 horas. Intervirán María del Carmen García Gómez, do equipo técnico de Federación de Asociacións de Adopción Internacional (ADECOP); María Ramos Sánchez, profesora de educación infantil; e Mei Hua Tseng, profesora de chinés. Ao remate da mesa, Fátima Bermejo Rubio, profesora de teatro e xogo dramático, exercerá de contacontos coa narración dun conto chinés. Moderará a mesa o xornalista Xusto López Carril.

A Asociación debe o seu nome, Qu Yuan, a un poeta chinés do século III antes de Cristo que ten pasado á historia como o primeiro poeta lírico das letras chinesas. Máis información sobre ACEQU na súa web: www.acequyuan.com.

Compartir: