TURISMO

O aeroporto de Lavacolla chegará aos 1.800.000 viaxeiros este ano

06/10/2005 O aumento do número de viaxeiros recibidos en setembro de 2005 –20% máis que no mesmo mes do Ano Santo- permite ao concelleiro de Turismo elevar a previsión final a 1.800.000 viaxeiros cando remate este ano.

Turismo de Santiago estima para o aeroporto de Lavacolla un tráfico duns 171.400 pasaxeiros, cifra que representaría un crecemento do 20% sobre setembro do Ano Santo, cando chegaron 30 mil viaxeiros menos. O total acumulado desde xaneiro sería xa de 1.387.327 pasaxeiros, un 15,16% máis que nos nove primeiros meses de 2004.

Estas cifras permiten prever –como sinalou Francisco Candela en rolda de prensa- que aínda que as estatísticas aeroportuarias de outubro, novembro e decembro non creceran por encima do 2004, o tráfico de Lavacolla chegaría ao final do ano aos 1.800.000 viaxeiros.

Segundo fontes de Tussa, os autocares chegados durante o mes de setembro suman 1.124, o que significa un incremento do 157,3% sobre o mesmo período de 2003, e unha baixa do 42,7% sobre setembro de 2004.

Segue destacando o turismo estranxeiro
As oficinas municipais de información turística atenderon durante setembro 33.658 consultas presenciais, das cales un 56,9 % son de visitantes nacionais e un 43,1% de estranxeiros.

Con respecto ao ano 2003 prodúcese un lixeiro aumento de consultas (2 %), mentres que en relación co 2004 se produce unha baixa global dun 26 % no total de consultas realizadas, debido ao descenso sufrido polo turismo de procedencia nacional (-37%). Sen embargo, as consultas de procedencia internacional permanecen practicamente estábeis: son só un 5% menos que no Ano Santo, e superan nun 11% ás de setembro 2003.

Por lugar de orixe, os visitantes nacionais procedía en setembro de Andalucía (16,9%), Madrid (13,2%), Cataluña (12,8%), Valencia (8,7%), Castela-León (7,9%) e País Vasco (4,8%). En relación con 2003, aumenta o turismo procedente de Canarias (37%), Baleares (34%), Cantabria e Estremadura.

As 14.514 consultas realizadas en setembro por visitantes estranxeiros proveñen nun 14,8% de Alemaña, un 12,9% de Reino Unido, un 12,8% de Francia, un 8,7% de Italia, un 6,7% de Portugal e un 5,7% de Estados Unidos. Un dato a destacar é o incremento experimentado por Polonia (+480%), Reino Unido (+38%) e Italia (+103%).

Baixa a ocupación hoteleira
No que respecta á ocupación media hoteleira de setembro, os datos facilitados pola Asociación de Hostalería de Santiago a sitúan nun 65,34%. Como é habitual, a media para hoteis de categoría superior é maior ca dos hoteis de unha e dúas estrelas, pois mentres estes rexistran un 84,4% e un 57,32% respectivamente, os de cinco acadan 73,8% e os de tres un 70,46%.

En comparación con 2003, a ocupación media do pasado mes experimentou unha caída superior aos 10 puntos, que o concelleiro de Turismo atribúe ao crecemento do número de prazas hoteleiras.

Existen actualmente 6 mil 660 prazas máis que en 2003, ás que se engaden 300 co novo hotel NH Obradoiro, de 5 estrelas. Esto impide que creza a media de ocupaicón, aínda que si aumentaron as noites de aloxamento’, dixo Candela.

En efecto, aínda que os estabelecementos da cidade rexistraron este pasado mes 10 mil pernoctacións máis que en setembro de 2003, esa ganancia do 15,9% dilúese no crecemento da porcentaxe das prazas hoteleiras dispoñíbeis, que é dun 35%.

Páxina web
As consultas realizadas á páxina web suman 10.433.248 dende o seu nacemento en 2002. Das feitas este pasado mes, o 59,39 % foron en castelán, o 20,95 % en galego e o 20,95 % en inglés. Por seccións, e prescindindo da portada, a axenda cultural é a información máis demandada (16,3%), seguida dos aloxamentos (11,5%), os servizos (6,0%), monumentos (5,3%), plano (3,9%) e gastronomía (3,3%).

Compartir: