ALCALDÍA

O artista cubano Jorge Camacho traslada á Fundación Granell a súa visión surrealsita dos espazos naturais de Doñana

16/01/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou na Fundación Granell a mostra Doñana. O refuxio dos mitos, de Jorge Camacho, un dos autores claves do movemento surrealista actual. A mostra estará aberta ata o 28 de abril.

A exposición realiza un recorrido por un territorio que conquistou profundamente ao artista, marcando o desenvolvemento último da súa iconografía. A obra de Jorge Camacho, en contacto con Doñana tórnase máis íntima e persoal, máis luminosa e colorista, constituíndo un xiro na súa traxectoria como artista plástico.

Ademais dos espazos naturais da forza dos de Doñana, moitos outros elementos motivaron as ansias creadoras de Camacho, como o fundamental contacto co surrealismo da man do propio André Bretón, o seu interese pola alquimia e a admiración e coñecemento das culturas pre-colombinas de México. Hai que engadir tamén outros feitos significativos de carácter persoal, como a ruptura co réxime castrista.

O mito ten unha importancia esencial para Camacho como formalización do vínculo que se crea entre ser humano natureza, nunha existencia que non separa o mundo físico do universo espiritual. Para o artista, Doñana é un deses últimos refuxios onde é posible construír un auténtico entorno que nos nutra con novos mitos, dos que estamos tan necesitados no mundo actual.

A exposición está composta fundamentalmente por unha selección de óleos de gran e mediano formato, obra sobre papel – en diferentes técnicas- e fotografía, realizada entre o comezo da década dos 80 do pasado século e a actualidade, na que a percepción poética do entorno de Doñana cobra especial protagonismo.

Xunto á obra inspirada polo singular entorno natural e humano de Doñana, preséntase unha selección de obra na que pesa, de forma significativa, o contacto do artista coas culturas ancestrais de México. Destaca tamén un bloque de obra gráfica dedicado ao malogrado poeta cubano Reinaldo Arenas, gran amigo do artista.

Doñana. O refuxio dos mitos está comisariada por Juan Bautista Cáceres Rodríguez, Rocío del Pilar Galindo Faraco e Manuel Jesús Galindo Faraco, equipo de traballo da Pinacoteca de Almonte (Huelva), institución de onde procede a maioría da obra que conforma esta exposición.

Compartir: