CULTURA

Póñense á venda as entradas do concerto da Orchestra Baobab, primeira proposta de Sons da Diversidade 2009

16/01/2009 Un ano máis, Sons da Diversidade, organizado pola concellaría de Cultura, volve ofrecer unha viaxe polo mundo da man da música, da diversidade cultural e da pluralidade de ritmos e sons. Esa viaxe levaranos, nunha primeira parada, a África, xa que o 31 de xaneiro chegará a Compostela a Orchestra Baobab co seu último espectáculo, Made in Dakar. As entradas para este concerto poden mercarse a partires do luns 19 de xaneiro na páxina web www.caixagalicia.es ou no teléfono 902 434 443.

A Orchestra Baobab volve aos escenarios galegos con Made in Dakar, un espectáculo co que viaxaremos a unha África rica en lendas e en sons quentes, harmoniosos e melódicos. O último traballo da mítica banda senegalesa combina un repertorio novo, areoso e sorprendente, con lendarios ritmos afrocubanos, crioulo portugués, rumba congolesa, high-life, calypso, soul americano e folclore do Senegal.

Baobab ocupa un espazo moi especial na historia da música africana. Teñen un estilo único, unha encantadora mestura de ritmos mandinka, diola e wolof con sons afrocubanos. Esa mestura, tinguida cunha pinga de reggae e prendida coas faíscas dunha ecléctica variedade de influencias, define a natureza cosmopolita desta peculiar agrupación que se formou en Dakar en 1970 e que a mediados dos setenta foi aclamada como a mellor banda de toda África.

En 1987, un intento de modernizar a banda levou a Orchestra á disolución. Tardaron dúas décadas en volver á palestra. Dúas décadas nas que as súas primeiras gravacións alcanzaron o status de lendarias, como lendario foi o disco co que volveron aos escenarios en 2002, Specialist In All Styles. Auténtica gardiá do espírito africano, a Orchestra Baobab soubo manter intacta, nesta nova etapa, gran parte da formación orixinal, así como o indescritible cóctel sonoro que os caracterizou sempre.

Made in Dakar é o último capítulo dunha das historias musicais máis conmovedoras do planeta, a saga dun grupo lendario que enche estadios, festivais e concertos e que, aínda así, conserva a calor, a espontaneidade e a personalidade dunha auténtica banda local.

Compartir: