TURISMO

Santiago participa na primeira feira turística internacional dedicada aos grandes camiños de peregrinación

13/01/2009 Unha delegación de Turismo de Santiago, encabezada polo concelleiro de Promoción Económica e Turismo, estará presente na 1ª Feira Internacional de Turismo Journeys of the Spirit Festival, que se desenvolverá en Roma entre o 15 e o 18 de xaneiro. O evento presentase como unha oportunidade para amosar unha nova forma de facer turismo a través da cal as persoas entren en contacto có territorio, coas tradicións e coa cultura mentres as percorren polas antigas vías de peregrinación que atravesan o continente europeo.

Un dos obxectivos da feira é ofrecer por primeira vez unha imaxe global dos Grandes Itinerarios: o Camiño de Santiago, a Vía de Roma e a Vía de Xerusalem. Por iso, ao longo do evento Santiago manterá contactos institucionais coas cidades de Roma e Jerusalem por motivo da alianza das cidades Santas. Ademais, o embaixador español no Vaticano, Francisco Vázquez, fará unha recepción o día 15 á delegación de Santiago. Tamén se terán contactos con múltiples empresas do sector e organizacións vinculadas ao Turismo relixioso.

A feira está organizada por Opera Romana Pellegrinaggi, entidade encargada de promover e organizar peregrinacións e viaxes relixiosos do Vaticano, e é o emisor máis importante de turismo relixioso de Italia. No evento estarán presentes destinos e organizadores de viaxes de turismo relixioso de todo o mundo, permitindo entrar en contacto con empresas que organizan e promoven este tipo de itinerarios, polo que se trata dun encontro de gran importancia para Santiago, e especialmente este ano previo ao Ano Santo Compostelán que se celebrará no 2010.

Journeys of the Spirit Festival é o resultado da popularidade crecente que a relixión e a espiritualidade teñen como motivación para viaxar. Durante anos este tipo de turismo tense vinculado a segmentos de mercado moi concreto como os adultos dunha certa idade. A feira preséntase como unha grande oportunidade para eliminar eses estereotipos e facer que a industria turística preste máis atención aos diversos aspectos da experiencia de peregrinación e aos múltiples públicos interesados nela. A feira xira en torno aos tres conceptos elementos da fe ou espiritualidade que require un camiño de peregrinación: o viaxante, que percorre a ruta; o Camiño ou Vía que leva a un destino; e a meta final, que inspira ao peregrino.

Compartir: