CULTURA

Teatro sen Repertorio preséntase no Principal con "Coriolano", unha adaptación de Shakespeare

13/01/2009 Presentouse en Raxoi Coriolano, unha adaptación de William Shakespeare coa que se dá a coñecer a compañía compostelá Teatro sen Repertorio. A estrea da obra vai ter lugar os días 14 e 15 de xaneiro no Teatro Principal ás 21:00 horas. No acto estiveron presentes a concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Elvira Cienfuegos; o director, adaptador e actor da obra, Antonio Travieso; e a actriz Ana Otero.

No acto de presentación de Coriolano, Antonio Travieso explicou o compromiso da nacente compañía Teatro sen Repertorio de retomar textos clásicos, adaptándoos ao mundo contemporáneo para facer patente a súa actualidade. Segundo sinalou Travieso, "dende a Grecia clásica houbo moitos avances tecnolóxicos ou científicos, mais os seres humanos non cambiaron moito pois seguen a moverse por pulsións".

Partindo desta base, Teatro sen Repertorio decidiu estrearse cunha versión moi persoal de Coriolano, un dos últimos textos do dramaturgo británico William Shakespeare. A peza, que narra a historia dun militar romano chamado Marcio, presenta a deshumanización do mundo contemporáneo, personificada na manipulación exercida por unha nai cara ao seu fillo.

A outra actriz da obra, Ana Otero, encarna a figura da nai, nunha peza que conta con só dous actores. Segundo indicou a actriz, a compañía decidiu reducir o elenco ao mínimo, ao considerar que estes dous personaxes son os que conducen a trama fundamental na obra orixinal. Para Ana Otero, o personaxe da nai é unha muller que vive un fondo conflito interno, "ao empregar os seus seres máis próximos e queridos para ascender socialmente".

Compromiso coa vida e a sociedade do noso tempo
A nacente compañía Teatro sen Repertorio amosa unha gran claridade no tocante aos propósitos da súa aposta escénica. Asumindo un imprescindible compromiso coa vida, a sociedade e, por tanto, co teatro do noso tempo, pretenden contar historias nas que, en parte, se desmitifique a condición de "sagrada" que decote ten acadado a dramaturxia clásica. Á par desta vontade, Teatro sen Repertorio ten en proxecto unha segunda vía creativa na que poña en escena textos propios escritos por membros da compañía.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Elvira Cienfuegos, sinalou o compromiso da concellaría que preside coas novas apostas escénicas da cidade e o seu apoio firme aos novos creadores.

Compartir: