XUNTA DE GOBERNO

Case 15 millóns de euros para 27 proxectos de reurbanización e de mellora de equipamentos e da rede de abastecemento

13/01/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a portavoz da Xunta de Goberno, Elvira Cienfuegos, presentaron os 27 proxectos aprobados inicialmente polo Goberno local para o seu financiamento no marco do fondo estatal de investimento local. Estes proxectos supoñen un investimento de 14.961.725 euros, o que supón o 90,2% do total do fondo previsto para Santiago.

Aprobados estes proxectos, unicamente quedan algúns por concretar, por importe de 1.624.198 euros, o 9,7% do total. Trátase de obras que teñen que ver co Camiño de Santiago, coa rede Wimax e co saneamento. Todas teñen os seus proxectos moi avanzados, e serán aprobados na seguinte Xunta de Goberno e incluso antes, segundo apuntou o alcalde.

Os proxectos serán remitidos de inmediato ao Ministerio de Administracións Públicas, que decidirá sobra a súa aprobación definitiva no prazo de 10 días. Producida esta, o Concello disporá dun mes para licitar todas as obras, algo que previsiblemente acontecerá ao longo do mes de febreiro. Estas actuacións teñen que estar rematadas antes do 31 de marzo de 2010.

A maior parte do investimento vai destinado a obras de reurbanización en diversas zonas da cidade. Destaca neste sentido a renovación da rúa Londres, en Fontiñas, que seguirá o modelo da recentemente remodelada rúa París, cun custo neste caso de 2.155.172 euros. Tamén importante será o investimento na reurbanización dun tramo da avenida de Vilagarcía, García Prieto e Sánchez Freire, cun importe de 2.155.172 euros.

Outras obras de reurbanización importantes serán as das rúas Curros Enríquez, Xeneral Pardiñas (tramo entre Montero Ríos e Carreira do Conde), Gómez Ulla, Pérez Constanti, Laverde Ruíz, Santiago de Guayaquil, Neira de Mosquera, Raiola, Trinidade (ámbito do pazo de Raxoi e a igrexa de San Fructuoso) ou Belvís. Tamén se mellorarán as beirarrúas en Pontepedriña, Meixonfrío e As Cancelas, e urbanizarase o espazo público da rúa Olvido e o seu contorno. Ademais, remodelarase a zona norte do parque de Salgueiriños e ordenarase o núcleo de Canteira, en San Lázaro.

Abastecemento, saneamento e equipamentos
As redes de abastecemento e saneamento tamén serán obxecto de melloras no marco deste fondo estatal, con actuacións en Pontepedriña, Meixonfrío, A Almáciga, rueiro de Figueiriñas, avenida Rosalía de Castro e rúas Pequena, Grabanxa, Queimada e do Ceo.

En canto a novos equipamentos, cómpre citar a creación dunha área de xogos infantís no parque de San Lázaro, o acondicionamento dunha parcela para área recreativa en Vidán, a adecuación de locais para Protección Civil no Estadio de San Lázaro e a rehabilitación e mellora do polideportivo Quiroga Palacios.

Compartir: