MEDIO AMBIENTE

Máis de mil propietarios das parroquias de Sabugueira e Carballal recibiron os seus títulos da concentración parcelaria

12/01/2009 A concelleira do Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, acompañou ao director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, Xosé Carballido Presas, na entrega de títulos de concentración parcelaria das parroquias da Sabugueria e Carballal. No total son 1.185 propietarios que acceden definitivamente ás 2.803 fincas resultantes deste proceso.

Durante o acto de entrega, Elvira Cienfuegos, agradeceu á Consellaría do Medio Rural que "puxese todo o seu empeño en finalizar esta parcelaria que tivo unha demora importante" mais que "agora, con unha división das parcelas máis racional, será unha ferramenta importante para manter ou reactivar a explotación da terra".

Pola súa parte Xosé Carballido xustificou a tardanza na realización de todo este proceso da concentración "por tratarse dunha zona especialmente complexa, que abrangue dúas parroquias con moita extensión superficial así como un importante número de propietarios, ao que ademais houbo que engadirlle incidencias alleas á propia concentración, como foron a ampliación do aeroporto de Lavacolla e da autovía, o que en ambos casos significou unha modificación importante en todo o traballo que se tiña desenvolvido".

O director xeral sinalou que cada cen parcelas antigas foron transformadas en 18 fincas de reemprazo, correspondendo a unha media de dúas parcelas por propietario en vez das 13 que achegaron ao inicio do proceso. Xosé Carballido tamén destacou o investimento total desta concentración –preto de 4,2 millóns de euros- , polo que solicitou a todos os beneficiarios da concentración "que este tremendo esforzo non sexa baldío e que dende xa as terras se dediquen a producir riqueza".

Datos da concentración
A concentración parcelaria de Sabugueira-Carballal afectou a un total de 2.106 hectáreas. Reduciuse o número de fincas dende as 15.537 iniciais ás 2.803 actuais, pasando de ter cada parcela unha superficie media de 1.355 metros cadrados a 7.513. A media de parcelas por propietario sitúase en 2,36, dato de significativo valor tendo en conta que con anterioridade á concentración cada propietario contaba de media con 13,11 fincas. En canto ao total do investimento realizado, ascende a 4.185.607 euros.

Compartir: