TURISMO

Viños de Valdeorras e queixos de Arzúa-Ulloa na fin de semana de "Santiago Repetirás"

12/01/2009 O sábado 17 xaneiro, o Parador Hostal dos Reis Católicos acolle unha nova cata de viños maridados con produtos galegos e un taller gastronómico para nenos. Organizadas por Turismo de Santiago e enmarcadas no programa Santiago Repetirás, ambas actividades terán lugar ás 18:00 horas.

Os protagonistas desta banda serán os viños da D.O. Valdeorras, acompañados dos queixos da D.O. Arzúa-Ulloa. Durante dúas horas un sumiller ilustrará aos asistentes sobre as diferentes variedades de viños valdeorrenses e un experto en queixo falaralles sobre as peculiaridades desta denominación de orixe galega. Esta actividade ten un prezo de 5 euros e hai 40 prazas dispoñibles.

Mentres, no Taller Gastronómico para Nenos, os máis cativos aprenderán a preparar unha torta de chocolate e noces. Estes talleres están dirixidos a rapaces e rapazas de entre 6 e 12 anos, co obxectivo de ensinarlles a importancia que ten unha boa alimentación para a saúde. Por 5 euros, un máximo de 30 pequenos pasarán unha entretida tarde da man de tres monitores especializados.

A intención da Concellaría de Promoción Económica e Turismo con estas actividades é facer da enogastronomía galega nun dos atractivos da cidade. Os talleres e catas están abertos tanto aos visitantes como aos veciños e veciñas de Santiago, previa reserva de praza en www.santiagorepetiras.com ou no teléfono 902 190 160.

O sábado 24 de xaneiro toma relevo unha nova edición de Merco e cociño con..., un taller no que 15 persoas poden realizar a compra e aprender a elaborar un menú de tempada acompañados dun prestixioso cociñeiro. Tras o éxito acadado por Iago Castrillón e Beatriz Sotelo, desta banda será Marcelo Tejedor, posuidor dunha estrela Michelín e destacada figura da cociña de autor galega, quen amose os seus trucos aos participantes.

Tamén ata o mes de marzo composteláns e turistas poden degustar menús e tapas da cociña do inverno durante as fins de semana en 36 bares e restaurantes da cidade, preparados en base a produtos desta estación e cun protagonismo especial de caldos e guisos. Na oficina de Turismo de Santiago ou nos estabelecementos adheridos pódese solicitar unha Guía Gastronómica cunha relación dos participantes e a súa oferta culinaria.

Direccións relacionadas



Compartir: