ALCALDÍA

As rúas Penamaría e Pilar Miró mudan a súa cara con novas beirarrúas e servizos

09/01/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou as obras de remodelación das rúas Penamaría e Pilar Miro, en San Lázaro. O Concello investiu 326.961 euros nestas obras, que supuxeron a creación de novas beirarrúas e calzadas, o arranxo da rede de pluviais e a instalación de diverso mobiliario urbano.

A superficie reurbanizada ascendeu a 6.614 metros cadrados, dos cales 1.375 se corresponden coas novas beirarrúas. Tamén se acometeron 731 metros cadrados de calzada e habilitouse unha banda de aparcadoiros de 241 metros cadrados.

A obra tamén se aproveitou para o arranxo das redes de pluviais, abastecemento, telecomunicacións e gas, e para a mellora da sinalización horizontal e vertical. O alumeado público reforzouse coa instalación de 14 novas unidades. Finalmente, colocouse diverso mobiliario urbano: 10 bancos de pedra, 6 papeleiras e 26 árbores.

Ademais destas obras de reurbanización, este ámbito da zona de San Lázaro contará en pouco tempo con novos servizos, neste caso deportivos e de zonas verdes. Así, entre a rúa Penamaría e a de San Lázaro situarase a nova área deportiva prevista para o barrio, na que se levantará un campo de fútbol con gradas, vestiarios, un aparcadoiro de 69 prazas e unha pequena dársena de autobuses. Está prevista tamén unha zona verde duns 10.000 metros cadrados e un vieiro de acceso de 1.680 metros cadrados. Investiranse nestas obras máis dun millón de euros.

Compartir: