TURISMO

"Santiago Repetirás" trae á cidade a cociña do inverno en forma de menús e tapas

09/01/2009 Santiago Repetirás comeza o 2009 enchendo a cidade de menús e tapas de cociña de inverno. Tras dedicar os meses de novembro e decembro á cociña do outono, 36 estabelecementos de hostalaría da cidade ofertan ata marzo menús ou tapas temáticos elaborados con produtos do inverno, prestando unha atención especial á cociña de culler, con cocidos, potaxes, callos...

Os restaurantes contan con menús compostos por pratos como Crema de grelos con crocante de serrano, Guiso de polbo e Flan de bagazo ou Potaxe de garavanzos e bacallau, Nocello de porco ibérico glaseado con patacas panadeiras e Filloa rechea de trufa. Entre as tapas, hainas tan orixinais como Cogomelos recheos de castañas e grelos, Pucheiro de Verín ou Sorbiño de Lacón con grelos.

Turismo de Santiago editou unha nova Guía Gastronómica que contén toda a información sobre os estabelecementos participantes e os menús e tapas que presenta cada un. Esta Guía inclúe información e un calendario coas actividades do programa, como as Catas de viño con maridaxe, os Talleres Gastronómicos para nenos e o Taller Merco e Cociño con...

As Guías poden solicitarse na Oficina Central de Turismo de Santiago, na rúa do Vilar, 63, ou nos estabelecementos participantes. Os diferentes restaurantes e bares que participan nesta iniciativa recoñécense pola presenza do distintivo na súas entradas.

Con todas estas actividades a Concellaría de Promoción Económica e Turismo ten por obxectivo converter a enogastronomía galega nun dos atractivos da cidade. Para asistir ás catas e talleres visitantes e composteláns só teñen que reservar praza en www.santiagorepetiras.com ou no teléfono 902 190 160.

Compartir: