ALCALDÍA

O Concello potenciará a obra pública en 2009 para combater o paro e fomentar a actividade económica

09/01/2009 Na súa primeira rolda de prensa de 2009, o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, fixo un repaso das principais obras que se desenvolverán na cidade ao longo deste ano. Segundo indicou, a actuación municipal neste campo pretende potenciar sobre todo a obra pública para combater o paro e fomentar a actividade económica"

Sánchez Bugallo comezou por referirse ás infraestruturas viarias, que dividiu en tres eixes: o convenio co Ministerio de Fomento, as obras incluídas no Fondo Estatal e as do convenio de travesías asinado coa Consellería de Política Territorial. Así, sobre o primeiro, expresou a súa confianza en que no mesmo mes de xaneiro se saque a licitación a duplicación da ponte de acceso ao Polígono do Tambre. Para o primeiro semestre do ano prevé tamén a licitación do paso inferior baixo a rotonda de Conxo.

Outra obra pendente do devandito convenio, o coñecido como túnel da Galuresa, xa está en marcha. Á espera do resultado da xuntanza deste mesmo venres entre os técnicos municipais, os de Fomento e os da empresa adxudicataria, o alcalde xa anticipou algún dos puntos do plan de tráfico alternativo que se trazará. Así, o obxectivo será que chegue o menor tráfico posible á zona das obras, polo que se abrirán os vieiros de Cornes e se habilitarán catro carrís no vieiro Sar-Pontepedriña, suprimindo así as dúas bandas de aparcamento.

O Fondo Estatal para os concellos habilitado polo Goberno Central permitirá o segundo grupo de obras. De feito, anunciou Sánchez Bugallo que o primeiro paquete de obras será aprobado na Xunta de Goberno do martes 13, para ser inmediatamente remitidos ao Ministerio de Administracións Públicas. O resto de proxectos iranse aprobando a medida que estean listos, para ser remitidos en todo caso antes do 24 de xaneiro.

O terceiro grupo de obras en vieiros é o derivado do chamado convenio de travesías subscrito coa Consellería de Política Territorial. Afirmou o alcalde que varios dos proxectos xa foron entregados ao Concello e que o obxectivo é sacar a licitación o máis importante paquete de obras entre finais de marzo e abril.

Vivenda e solo industrial
Tamén se referiu Sánchez Bugallo á política de vivenda como motor da actividade económica en Santiago ao longo de 2009. Neste campo anunciou que na Xunta de Goberno do martes 13 se concederá a licenza para unhas 400 vivendas.

Esta actividade tamén se manterá na creación de solo industrial. En breve se levantarán as actas de ocupación dos terreos da Sionlla, co que inmediatamente poderían comezar as obras. Igualmente, o alcalde agarda ter os proxectos de reparcelación dos dous solos que promove o Concello.

Grandes infraestruturas
Sobre unha das grandes infraestruturas previstas para a cidade, a nova depuradora, Sánchez Bugallo espera que, emitido o informe xurídico polo Ministerio de Medio Ambiente e á espera do da Enxeñería, se logre unha solución definitiva no mes de xaneiro. Ademais, recordou que en xaneiro se levantarán as actas de ocupación da segunda fase do colector, entre Pontepedriña e Villestro, e que as obras poderían comezar no primeiro trimestre. As obras da primeira fase xa están en marcha.

En canto ao aeroporto, o alcalde expresou a súa confianza en que se asine de inmediato o acordo entre o Aeroclub e o Ministerio de Defensa e así poidan comezar as obras no primeiro trimestre de 2009.

Outra infraestrutura pendente é a da estación do AVE. Sánchez Bugallo ten prevista unha reunión con Fomento o luns 12, e agarda que se entregue a proposta de convenio entre ADIF e o Concello e así desbloquear este tema. Anticipou que entón se abrirá un período de trámites complexos, como a redacción dun Plan Especial e a necesaria modificación do PXOM.

Finalmente e en relación aos terceiro e cuarto carril da AP-9, indicou que se está redactando o proxecto técnico, á espera de iniciar as negociacións de Fomento coa nova propietaria da autopista unha vez que se produza a toma de posesión.

Compartir: