EDUCACIÓN E MOCIDADE

Mozos composteláns poderán viaxar a Europa para realizar un proxecto de cooperación a través do Servizo de voluntariado Europeo

05/10/2005 Un servizo conveniado entre a Escola de Tempo Libre Don Bosco e o Departamento de educación e mocidade do Concello de Santiago permite axudar aos mozos e mozas composteláns a acceder ás posibilidades que ofrece Europa para o fomento dos intercambios, a educación intercultural e a aprendizaxe das linguas.

A través deste servizo, os mozos composteláns de entre 18 e 25 anos poderán pasar de 6 a 12 meses nalgún país europeo realizando o proxecto que eles escollan. Este programa pretende ser unha experiencia de educación non formal e de aprendizaxe intercultural, que ademais fomenta a integración e a participación dos mozos na sociedade, contribuíndo ao desenvolvemento dunha comunidade local e fomentando o establecemento de novas asociacións e o intercambio de experiencias.

Para participar, os mozos han de residir nalgún dos 25 estados membros da UE, en Islandia ou en Noruega, se ben algunhas das actividades poden realizarse en terceiros países de Europa Central e Oriental e na conca mediterránea, en América Latina ou na África subsahariana

O voluntario seleccionado ha de participar nunha actividade non remunerada e sen ánimo de lucro que teña certa importancia para a comunidade e que defenda o interese común (acollida dos refuxiados, asistencia ás persoas maiores, protección do medio ambiente, rehabilitación de barridos desheredados, actividades culturais e deportivas, por exemplo). As actividades do voluntario ten un límite temporal, o voluntario ten asinado un titor e debe estar aloxado en pensión completa.

Pola súa banda, a organización de envío encárgase da preparación e do envío do voluntario ao lugar de realización da actividade. Pode tratarse dunha autoridade local, dunha estructura nacional ou unha organización. A organización de acollida recibe a un ou varios voluntarios para levar a cabo o proxecto que eles escollan, e que a organización se encargará de axudarlles a desenvolvelo, apoiándoos.

Todos os proxectos aprobados pola Comisión Europea pasan a formar parte dunha base de datos que se atopan na dirección . Nesta base de datos hai proxectos de todo tipo: arte e cultura, mocidade, nenos, tempo libre, discapacidades, terceira idade, emigrantes, media e comunicación, información xuvenil, sanidade, prevención de drogas e alcohol, entre outros. Todos cumpren características como a de non ter ánimo de lucro, non substituír un posto de traballo nin ser unha actividade remunerada ou ter unha duración máxima de 12 meses, entre outros requisitos.

Documentos relacionados



Compartir: