EMPREGO

O Servizo de Orientación Laboral atendeu en 2008 a 333 persoas

02/01/2009 O Servizo de Orientación Laboral da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo atendeu, en 2008 a 333 persoas. A maioría, concretamente 217 (o 65,2%), eran persoas derivadas do Servizo Público de Emprego da Xunta de Galicia. O resto, 116 persoas, achegáronse ás oficinas pola súa conta para solicitar información sobre aspectos relacionados co mercado de traballo.

Das 217 persoas derivadas do Servizo Público de Emprego, 124 (o 57,1%) eran mulleres. Os sectores profesionais preferidos polas persoas usuarias para acceder ao mercado laboral son o sector servizos, con 107 solicitudes (49,3% do total); a construción, con 31 solicitudes (14,3%); e a administración/comercio, con 30 solicitudes (13,8%).

O obxectivo do Servizo de Orientación Laboral é promover un sistema de orientación profesional que informe e acompañe ao demandante de emprego na busca activa dun traballo mediante pasos concretos, efectivos e adaptados a cada situación individual. Isto é posible mediante o estabelecemento dunha relación personalizada e mediante entrevistas en profundidade. O persoal técnico realiza entrevistas de aproximadamente unha hora de duración ás persoas usuarias ofrecéndolle información sobre as posibilidades reais de emprego, os seus recursos persoais, as fontes e a información na procura de emprego, as técnicas de busca activa de emprego, o encamiñamento cara cursos, programas de emprego ou obradoiros de emprego desenvolvidos pola Concellaría de Promoción económica, ou a súa inclusión na Plataforma de intermediación laboral da Bolsa de Emprego.

A Bolsa de Emprego concíbese coma un espacio integrador das distintas políticas activas e actuacións municipais dirixidas a facilitar a inserción laboral das persoas demandantes de emprego así coma a intermediación laboral cas empresas. Enténdese coma outra vía de entrada ao mundo laboral: unha forma de relación entre os demandantes e os oferentes. Un equipo de técnicos expertos en orientación-inserción profesional realiza unha entrevista a cada un das persoas usuarias para elaborar a diagnose do proxecto profesional. Esta diagnose serve para detectar as ocupacións preferentes nas que está máis capacitado para traballar. Todas as demandas de emprego introdúcense nun aplicativo informático, a Plataforma de Intermediación Laboral, que ten como obxectivo mellorar a prestación do servizo. O sistema relaciona o tratamento das demandas laborais coa xestión administrativa interna, ao crear bases de datos e rexistros cualificados que facilitan o servizo de ofertas laborais ás empresas de Santiago e comarca. En todos os casos, este intercambio de datos é seguro e respeta sempre a confidencialidade das/os usuarias/os.

Compartir: