CULTURA

Remata Todo Lírica 2008 cun concerto con sabor galego

02/01/2009 Remata Todo Lírica 2008 cun terceiro recital con claro sabor galego, grazas á presenza de novo do pianista vigués Borja Mariño acompañando a Borja Quiza, novo barítono coruñés de 26 anos de idade, de crecente reputación e prometedora carreira internacional. O concerto será o sábado 3 de xaneiro no Teatro Principal.

Neste concerto de clausura poderán escoitarse cancións de Rodolfo Halffter como preámbulo a un programa cheo de tangos (no que non faltan figuras deste popular xénero argentino como Carlos Gardel ou María Grever e títulos tan coñecidos como Volver, Júrame ou Alfonsina y el mar) e romanzas de zarzuela para barítono de autores como Serrano, Alonso, Guerrero, Sorozábal, Moreno Torroba e o ponteareán Reveriano Soutullo.

Entre as páxinas que cantará Borja Quiza neste seu debut compostelán en solitario atópanse esixentes romanzas como "Junto al puente de la peña", da zarzuela La canción del olvido de José Serrano, "Los cantos alegres de los zagales" de La del soto del parral de Soutullo ou "Amor vida de mi vida" da zarzuela Maravilla de Federico Moreno Torroba. Sen dúbida, unha magnífica oportunidade para descubrir e escoitar unha das máis prometedoras voces galegas. Borja Quiza foi recentemente o protagonista do filme Io, Don Giovanni, gravado en Roma baixo a dirección de Carlos Saura. Os seus próximos compromisos levarano a prestixiosos teatros como os de Venecia, Milán, Bilbao, Boloña, Oviedo ou Madrid.

As entradas soltas poden adquirirse ao prezo de 6 euros no despacho de billetes do Teatro Principal o mesmo día do concerto.

Compartir: