CULTURA

Xaneiro trae o comezo das edicións de 2009 de Sons da Diversidade e SCQ Danza

02/01/2009 Presentouse a programación cultural de Compostela para o primeiro mes de 2009. Entre outras actividades, xaneiro é o mes no que comezarán as novas edicións de dous festivais xa clásicos, Sons da Diversidade e SCQ Danza.

A concelleira de Cultura, Elvira Cienfuegos, e a subdirectora do Auditorio de Galicia, Silvia Modia, presentaron a programación, que no seu mes de xaneiro pecharase o día 31 coa actuación no Auditorio de Galicia da agrupación senegalesa Orchestra Baobab. Este é o primeiro concerto da sexta edición de Sons da Diversidade.

Tamén comeza a edición de 2009 do festival SCQ Danza, no que ano tras ano o público de Compostela pode gozar dalgunhas das propostas coreográficas máis salientables da Península. O venres 16 de xaneiro chega ao Teatro Principal a coreógrafa galega Branca Novoneyra co seu espectáculo Nexus6.

No eido musical destacan tamén dous eventos que terán lugar aínda en datas de Nadal. O luns 5, a Real Filharmonía de Galicia, na compaña do pianista Tzimon Barto, ofrece un concerto de Reis cuxa recadación vai ir dedicada á Fundación de axuda á infancia Meniños. Ademais, continúan as actividades da Real Filharmonía, cos concertos do Programa de Abono, os concertos didácticos e os ensaios abertos ao público. Por outra banda o Festival de Zarzuela Todo Lírica, remata o sábado 3 de xaneiro coa intervención do barítono galego Borja Quiza e do pianista Borja Mariño.

Un mes de cinema e teatro
No eido cinematográfico, este primeiro mes de 2009 vai ser intenso. Do 19 ao 23 de xaneiro, no Teatro Principal, celebrarase o ciclo de Cinema e Dereitos Humanos, con cinco propostas cinematográficas comprometidas que se achegan á miseria e á desigualdade que se vive en distintas sociedades do planeta. Nos Centros Socioculturais continúa o programa Cinemas Dixitais, que proxecta documentais galegos contemporáneos, e comeza un novo ciclo de curtametraxes titulado O pequeno é fermoso.

No eido escénico o Teatro Principal acolle varias propostas teatrais, entre as que destaca A estratexia da avestruz, de Teatro Ensalle. Por último, nas artes plásticas continúan abertas durante todo o mes as mostras Marxes e mapas, no Auditorio de Galicia, e Artísticamente (in)correcto, de Amaya González, que se pode visitar na Zona "C".

Compartir: