TRANSPORTES

A liña 7 do transporte urbano entre San Roque e Aríns conta cun novo vehículo

02/01/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, fixo o percorrido entre San Roque e Aríns na estrea do novo autobús que cubre este liña de transporte urbano, a número 7. O Concello e a operadora de Transportes Mosquera apostan por unha clara mellora do servizo coa adquisición deste vehículo, que tivo un custo de 263.000 euros.

Este cambio de autobús supón unha considerable mellora en tres aspectos fundamentais: a seguridade, a sostibilidade e a accesibilidade. Ademais, segundo indicou o alcalde, trátase de dar un bo servizo a unha liña que está en expansión e que o estará máis no futuro cando se constrúan os dous polígonos de vivendas previstos para a área de Aríns previstos no PXOM, que prevén unhas 2.000 vivendas.

A liña 7 do transporte urbano é a que une o centro da cidade cos barrios de Sar, Aríns e Fornás. Dende o ano 2005 é a empresa Transportes Mosquera a encargada de realizar este servizo que no ano 2007 usaron un total de 224.174 usuarios, o que supuxo un 3,05% do total da rede de transporte urbano.

As principais características deste vehículo son:

- Motor OM 906 286 CV que cumpre a normativa Euro 5 con depósito adicional de 38 litros de AdBlue. Este aditivo permite reducir de xeito significativo as partículas de CO2.
- O vehículo ten unha lonxitude de 10,5 metros, o que lle permite unha maior operatividade, xa que se adapta ás rúas máis estreitas e pode facer manobras nun menor espazo.
- Caixa de cambios ZF 6HP automática.
- Suspensión independente en cada roda do eixo dianteiro. Dispositivo de axeonllamento "kneeling", para facilitarlle o acceso aos viaxeiros.
- Freos de disco nas catro rodas cos sistemas de seguridade EBS + ABS.
- Cámara de marcha atrás, indicador de "parada solicitada" e "rampla solicitada".
- Cámara de seguridade interior sobre a porta traseira para garantir unha maior seguridade.
- Rampla eléctrica con pulsador exterior en braille na 2ª porta para acceso de persoas en cadeira de rodas e persoas invidentes.
- O vehículo dispón de 29 prazas de asento, 4 delas reservadas para persoas con discapacidade e unha praza para persoas en cadeira de rodas con táboa de apoio e cinto de seguridade.

Con este novo vehículo, a idade media da flota base desta liña é de 5 anos.

Compartir: