FESTAS

Nove carrozas e máis de 200 figurantes encherán de cores e ilusións as rúas compostelás na Cabalgata de Reis

02/01/2009 O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, presentou as actividades previstas para a Cabalgata de Reis. As súas Maxestades chegarán, un Nadal máis e xa van 41, en tren, para logo dirixirse á praza do Obradoiro percorrendo diversas rúas e prazas da cidade.

Nove carrozas e máis de 200 persoas participarán nesta edición da tradicional Cabalgata, que arrincará ás 17:45 horas do luns 5 de xaneiro, coa chegada dos Reis á estación do ferrocarril. Alí serán recibidos polas autoridades e pola Banda Municipal. A continuación, percorrido polas rúas da cidade: Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, Praza de Galicia, Senra, Porta Faxeira, Rúa do Vilar, Xelmírez e Praza das Praterías.

Ao seu paso, as súas Maxestades repartirán caramelos, que un ano máis serán sen glute, para que os poidan tomar os celíacos. Os Reis estarán secundados por escuadróns a cabalo e a pé e grupos de animación. Amenizarán musicalmente o percorrido bandas de cornetas e tambores. Nas carrozas haberá tamén unha representación do colectivo de persoas con síndrome de Down. A comitiva deterase uns minutos na praza Roxa, onde haberá un espectáculo de luz e son.

Os Reis Magos chegarán sobre as 19:00 horas á Praza do Obradoiro. Entón dirixiranse ao Pazo de Raxoi, onde serán recibidos polo alcalde e pola Corporación Municipal. Logo, o rei Melchor dirixirase dende os balcóns aos nenos e nenas presentes na praza. Para que os nenos xordos poidan tamén entender a mensaxe, unha persoa traducirá o discurso á linguaxe de signos.

E tras un espectáculo de luz, son e fogos de artificio, todos os nenos serán recibidos polos Reis, que atenderán as súas peticións no Salón Nobre e daranlles máis caramelos.

Carteiro Real
Xa o día antes, o domingo 4, a partir das 17:00 horas, o Carteiro Real estará na praza do Toural para recoller as cartas dos rapaces, nunha xornada tamén chea de animación. Ás 18.30 horas, o Carteiro estará na praza Roxa.

O paxe repartirá unhas mans xigantes de cartón para dar a benvida aos Reis ao día seguinte, e un pequeno cofre de cartón no que meter todos os caramelos o día da Cabalgata. A Concellería de Festas tamén entregará un modelo de carta aos Reis, que figura como anexo recortable no programa para este día.

Compartir: