COMERCIO

A tenda de moda Saturna gaña a edición de Nadal do Concurso de Escaparatismo

22/12/2008 A edición de Nadal do V Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping xa ten gañador. Trátase da tenda de moda Saturna, cuxo escaparate chamou a atención do xurado entre os 34 presentados. O segundo clasificado foi o estabelecemento de complementos infantís Pío Pío, e o terceiro a tenda de comercio xusto Panxea.

O concelleiro de Promoción Económica e Comercio, Xosé Manuel Iglesias, deu a coñecer o nome dos gañadores, elixidos entre un grupo de comercios concursantes entre os que predominaban os de téxtil e confección –sobre todo os de moda infantil-, os de decoración e agasallos e os de artesanía.

O xurado valorou en Saturna (Santiago de Chile, 2) o enfoque moderno e actual dun elemento clásico como é a imaxe de Papá Noel. Destaca a composición do conxunto, con catro manequíns coordenados en branco e vermello, con complementos a xogo. Do interior salienta a sofisticación e a disposición dos elementos que configuran o espazo de venda.

O segundo premio foi para a tenda de complementos infantís Pío Pío (Rúa Nova de Abaixo, 1). O xurado destacou a orixinalidade da proposta e o xogo que daba, fomentando a curiosidade da clientela, que se ten que achegar para ver o deseño. Un papel vinilo cobre o cristal e fixa a ollada do espectador nunha árbore de Nadal a través da que asoman os produtos do escaparate.

En terceiro lugar quedou a tenda de comercio xusto Panxea (Gómez Ulla, 4). Nesta elección pesou a mensaxe transmitida polo escaparate, no que están colocados bonecos de contos realizados en tela. Nun mínimo espazo os soños infantís fanse agasallos de Nadal.

Os premios para os gañadores consisten en investimentos en publicidade a nivel local por valor de 3.450 euros para o primeiro, de 2.000 euros para o segundo e de 1.500 euros para o terceiro clasificado. A principios de 2009 nomearase un gañador anual entre os estabelecementos cunha maior presenza e continuidade ao longo das distintas edicións do certame. Na anterior edición o gañador anual foi a tenda de marroquinería Media Lúa.

Compartir: