EDUCACIÓN, DEPORTES E FESTAS

Un espectáculo de arte acrobática chinesa abre unha nova edición de Nadalxogo

22/12/2008 Como cada Nadal, os máis pequenos teñen unha cita no Multiusos Fontes do Sar con Nadalxogo. Do 25 de decembro ao 4 de xaneiro, de 17:00 a 21:00 horas, o público infantil e xuvenil poderá acceder a unha atractiva oferta de actividades con obradoiros, teatro, contacontos, deportes e moito máis.

Os concelleiros de Educación, Guadalupe Rodríguez; Deportes, Andrés Fariña; e Festas, Xosé Baqueiro, presentaron a programación deste Nadalxogo, que este ano comeza cun gran espectáculo. A Compañía de Arte Acrobático SanXia de China trae a Sar un programa de habilidades acrobáticas con contorsións, equilibrio, voos e malabares. Todo isto presentado con humor e cunha fermosa posta en escena a longo duns 70 minutos. Este grupo, composto por 15 persoas, ten recibido numerosos premios internacionais e traballado en diversos países. A cita, o 25 de decembro ás 19:00 horas.

Este espectáculo abre un programa con propostas para todas as idades. Para os máis pequenos, de 3 a 5 anos, haberá un espazo con estruturas adaptadas. Parque de xogos, parque infantil de tráfico, obradoiros varios e outras actividades. Mesmo se preparou un lugar para o cambio de cueiros e unha zona para a merenda.

Os rapaces con máis idade teñen á súa disposición actividades lúdicas como unha pista de coches de choque, un carrusel Dragón-re ou os inchables. Ademais, obradoiros e actividades deportivas: cestería, encadernación, abelorios, gomaespuma, plástica, papiroflexia, tenis e mesa, camas elásticas, bádminton, deporte Wii e esgrima.

Salón do Libro e actividades extraordinarias
Para os amantes da lectura preparouse o Salón do Libro Infantil e Xuvenil. Este espazo para o encontro da lectura, a música e o teatro, combina a intervención lúdica coa educativa. Todos os días haberá actuacións de 18:00 a 19:30 horas, ademais de diversas actividades: sesións de contacontos, obradoiros de papiroflexia, exposicións e un recuncho da lectura.

Todo isto compleméntase coas actividades extraordinarias previstas para cada día e que traerán a Nadalxogo os seguintes espectáculos: Popín Palomero (venres 26); Fantoches Baj, Rei, Rei (sábado 27); O Show dos Pallasos (domingo 28); Tarabelos, A que cheiran os contos? (luns 29); Máximo Circus Cabaret (martes 30); Rivel Animación, Pepiña Xoaniña (xoves 1); Rivel Animación, A caixiña de zapatos (venres 2); Rivel Animación Circus Rivel (sábado 3) e visita do Paxe Real (domingo 4).

O prezo da entrada é de 3 euros. O recinto unicamente permanecerá pechado o 31 de decembro.

Documentos relacionados



Compartir: