ALCALDÍA

O barrio das Fontiñas festexou a súa exemplar traxectoria

20/12/2008 A recente concesión do premio de arquitectura Philippe Rothier 2008 á Mellor Calidade de Ampliación da Cidade nos últimos 25 anos foi o motivo escollido polo Concello para celebrar un acto lúdico cos veciños e veciñas deste barrio exemplar.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, non quixo faltar a esta singular festa, celebrada baixo o lema "As Fontiñas, un barrio a imitar". As actividades comezaron cunha actuación de hip hop xunto ao muro do IES Antón Fraguas. Alí descubriuse un graffiti conmemorativo da concesión do Premio.

Todos se dirixiron logo cara a carpa instalada a carón de Área Central, onde os veciños e veciñas pudieron ver sobre unha pantalla os lugares máis emblemáticos do barrio e as imaxes daqueles que depositaron nunha urna os seus desexos de futuro para As Fontiñas. Despois chegou o momento da actuación musical de Alfaia, da danza de Iria a feiticeira, do ballet das pequenas alumnas do Centro Sociocultural de Fontiñas e da arte de Kamelamos Guinar. Para rematar, o cofre cos desexos para o barrio foi soterrado baixo un castiñeiro.

Compartir: