CULTURA

"Femenine", da Companhía Paulo Ribeiro, coproducida polo Centro Coreográfico Galego, pecha SCQ Danza 2008

19/12/2008 O Festival SCQ Danza, que ao longo de todo o ano achegou a Compostela as mellores compañías peninsulares de danza contemporánea, pecha a súa edición de 2008 con Femenine, unha creación coreográfica de Paulo Ribeiro coproducida polo Centro Coreográfico Galego. A cita é o sábado 20 de decembro, ás 21:00 horas, no Teatro Principal.

En Femenine, Paulo Ribeiro aposta decididamente pola utopía como segredo de vida, deixando o caos deleitarse sen recurrir ao ruído. A peza ten como protagonistas a cinco mulleres e un escritor: Fernando Pessoa. As palabras do poeta desafían as delas, que se deixan perder na obra polas súas propias narrativas. A poética do movemento feminino percorre a peza, misturada co ardor que se desprende de cada xesto, de cada movemento. Neste universo pessoano as bailarinas preocúpanse co cabelo, usan saltos altos, desdeñan o home e danzan con corpos que transmiten gran sensualidade.

A compañía Paulo Ribeiro conta para Femenine cun grupo excepcional de bailaríns, encabezado por Elisabeth Lambeck que, dende a súa formación no Fonty Dance Academy de Holanda, percorreu diversas compañías europeas ata aterrar en Portugal en 2007. A tamén holandesa Erika Guastamacchia, a mozambicana Leonor Keil, a portuguesa Margarida Gonçalves e o bailarín portugués Sâo Castro completan o elenco. A música orixinal, de grande importancia na narración escénica da peza, corre a cargo de Nuno Rebelo, coa inclusión de pezas de Bob Marley e Frank Zappa.

A Companhia Paulo Ribeiro
Despois dunha prolífica carreira como bailarín, Paulo Ribeiro funda a súa propia compañía de danza contemporánea en 1995, como resultado do seu traballo xunto a algunha das máis prestixiosas compañías de danza europeas. Nestes case 12 anos de actividade, esta compañía conquistou un importante lugar entre as máis recoñecidas a nivel continental, presentándose regularmente nas principais salas de espectáculos portuguesas, europeas e internacionais (fundamentalmente Brasil e os Estados Unidos de América do Norte).

Con 18 producións realizadas, que espertan sempre o interese da crítica e do público, e cunha audiencia global que xa ronda as 70.000 persoas, esta compañía recibiu algúns dos máis importantes premios nacionais e estranxeiros.

Asemade, cara ao 1998, a compañía residente no Teatro Viriato de Viseu, creou e implantou o seu proxecto máis alá da actividade de creación, produción e itinerancias artísticas, ao desenvolver un importante labor pedagóxico e de formación de públicos xunto á comunidade local, que inclúe aulas regulares de danza e teatro e tamén funcións específicas para o público escolar, residencias, presentacións informais, etc.

Os afeccionados á danza teñen unha cita o sábado 20 de decembro, ás 21:00 horas, no Teatro Principal. As entradas pódense adquirir o propio día da función no Teatro Principal de 12:30 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 horas, a precios de 7 euros -patio de butacas, platea e primeiro andar-; 5 euros -segundo andar-; e 3 euros -anfiteatro-. Tamén se poden adquirir de xeito anticipado a través de Caixa Galicia, no 902 434 443 ou, por internet, en www.caixagalicia.es.

Compartir: