CULTURA

Musical americano e canción no concerto inaugural do Festival Todo Lírica

19/12/2008 Co Nadal chega de novo o Festival de Zarzuela de Santiago, un proxecto creado hai oito anos promovido pola Concellaría de Cultura coa colaboración da Asociación Galega da Lírica. O ciclo segue o formato das anteriores edicións e constará de tres concertos que se celebrarán no Teatro Principal.

Cada ano o Festival de Zarzuela abordaba, xunto a este xénero que daba nome ao ciclo, outras manifestacións e xéneros musicais cuxo peso na programación medrou ano tras ano. Este ecléctico ciclo, dende este Nadal 2008, rebautízase como Todo Lírica, coa intención de axustar máis o seu nome aos seus contidos: nesta oitava edición, a canción, o musical americano e o tango compartirán protagonismo.

A encargada de inaugura Todo Lírica 2008 será a mezzosoprano italiana Manuela Custer, unha artista de gran personalidade e unha das voces máis recoñecidas de todo o panorama lírico europeo. Esta cantante de Novara, que se presenta por primeira vez en Santiago, estará acompañada polo pianista vasco Rubén Fernández Aguirre, un habitual no cartel deste ciclo, ao que non falta anualmente dende a súa creación no ano 2001. Baixo o título Memorias de América, a singular e reputada cantante turinesa ofrecerá un variado e desenfadado programa centrado no musical americano, con pezas de autores que deixaron unha forte pegada en Broadway como Richard Rodgers e Stephen Sondheim. A súa selección inclúe títulos populares como Carousel, My funny Valentine ou un musical recentemente levado ao cinema por Tim Burton, Sweeney Todd.

A primeira parte do concerto, dedicada á canción, estará centrada en dous autores moi singulares: Custer cantará as Cancións negras do catalán Xavier Montsalvatge e unha selección de cancións do compositor italo-americano Mario Castelnuovo-Tedesco. As entradas soltas poden adquirirse ao prezo de 6 euros no despacho de billetes do Teatro Principal o sábado 20 e o domingo 21.

Compartir: