CULTURA

O Concerto de Reis da Real Filharmonía de Galicia será a beneficio da Fundación Meniños

19/12/2008 Presentouse o Concerto de Reis que a Real Filharmonía vai ofrecer o luns 5 de xaneiro ás 22:00 horas no Auditorio en favor da Fundación para a infancia Meniños. No acto interviron a concelleira de Cultura, Elvira Cienfuegos; o director da Real Filharmonía de Galicia, Maximino Zumalave; e a directora técnica da Fundación Meniños, Kucha Movilla.

Kucha Movilla, en representación da Fundación Meniños agradeceu a colaboración no evento da Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais, o Consorcio de Santiago, o Auditorio de Galicia e a Real Filharmonía de Galicia, que fixeron posible o concerto. Para a Fundación de axuda á infancia Meniños o acto é de grande importancia pois "ademais de recibir a recadación íntegra do concerto vainos dar a coñecer aos asistentes os nosos proxectos e actividades".

Dirixida por Maximino Zumalave e acompañada polo prestixioso pianista Tzimon Barto, a Real Filharmonía de Galicia vai interpretar nesta edición de 2009 o primeiro concerto para piano de Chaikovsqui, a Alborada Galega de Pascual Veiga, a suite Matinés musicais para osquestra de Britten e a obertura Guillermo Tell, derradeira ópera composta por Rossini.

Maximino Zumalave salientou a necesidade de que a arte e a cultura se solidaricen con aspectos críticos da nosa sociedade, combinando neste caso a interpretación de grandes obras musicais co compromiso social. Asemade, Zumalave indicou que "a elección das obras ten moito a ver coa data de Reis, pois todas as composicións refírense á alborada, momento tan agardado polos nenos e nenas de todo o mundo nesta data".

A Fundación Meniños
Meniños é unha organización independente e sen ánimo de lucro que traballa polos dereitos da infancia en situación de dificultade social, contribuíndo a xerar cambios que propicien un ambiente familiar de seguridade e afecto. Para iso, ten en marcha diferentes programas de intervención familair en Galicia, Asturias e Madrid.

Durante 2007, Meniños atendeu a 1.664 nenos e nenas e a 1.079 familias. Ademais, leva a cabo actuacións de carácter educativo e preventivo a través do proxecto educativo Facendo familias (para educación primaria e infantil) e a páxina web educativa www.mundodemilu.org.

Compartir: