TURISMO

Turismo de Santiago e Viajes El Corte Inglés promocionarán Santiago de Compostela na Península

19/12/2008 Turismo de Santiago e Viajes El Corte Inglés asinaron un convenio de colaboración co fin de potenciar a oferta turística de Santiago de Compostela, e a súa difusión e comercialización a través de produtos concretos, operados e distribuidos por Viajes El Corte Inglés na Península Ibérica. O convenio, que estará en vigor ata o 30 de novembro de 2009 e conta cun plan de marketing de 300.000 euros cofinanciados ao 50%, foi presentado no Pazo de Raxoi polo concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, e o director de marketing e comunicación de Viajes El Corte Inglés para España e Portugal, Fernando Tomás.

Con esta iniciativa, Turismo de Santiago continúa na súa liña de facer un maior esforzo na promoción turística da cidade e a comercialización da oferta nun período de crise económica internacional. Viajes El Corte Inglés é a empresa líder no sector das axencias de viaxes en España. As accións de promoción estarán dirixidas a diferentes segmentos de clientes dos mercados español e portugués: particulares en xeral, titulares da tarxeta de compra de El Corte Inglés, visitantes da páxina web de Viajes El Corte Inglés, persoal do grupo de empresas de El Corte Inglés, persoal de empresas clientes de Viajes El Corte Inglés e colectivos clientes de Viajes El Corte Inglés.

Viajes El Corte Inglés recollerá nun folleto monográfico de Santiago de Compostela un programa especial sobre a cidade, no que se recollerán diferentes paquetes turísticos. Faranse dúas edicións do folleto, unha con validez ata o 31 de marzo de 2009 e outra para o periodo comprendido entre o 1 de abril e 30 novembro do 2009, cada unha delas cunha tirada de 50.000 exemplares. Tamén se publicará un folleto en portugués coa oferta turística de Santiago con dúas edicións, válidas para os mesmos periodos.

Tamén se desenvolverá unha campaña de publicidade en prensa, radio e Internet. A campaña destinarase tanto ao público español coma ao portugués, con presenza nos principais medios de comunicación de ambos mercados. A campaña de publicidade terá tres fases, decembro do 2008, xaneiro do 2009 e setembro do 2009. Durante determinados periodos da campaña de publicidade tamén se emitirán cuñas publicitarias a través da megafonía de todos os centros comerciais de El Corte e Inglés e Hipercor da Península Ibérica, salvo os ubicados en Galicia. Ademais, exhibiranse carteis promocionais de Santiago nos expositores implantados nas axencias de Viaxes El Corte Inglés.

Compartir: