FESTAS

Quince corais da cidade poñen voz ao Nadal

19/12/2008 O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, presentou o certame "Corais do Nadal", que levará á praza do Toural aos máis de 400 integrantes de 15 corais da cidade. Os concertos de panxoliñas celebraranse os días 20, 21 e 23 de decembro a partir das 19:00 horas.

Baqueiro apuntou que nestas corais está representada boa parte dos barrios e parroquias da cidade. Así, estes concertos pretenden ser "unha homenaxe a estas agrupacións, cuxos ensaios se converten en punto de encontro e convivencia", engadiu. As actuacións, que xa se celebraron en 2007, aspiran a converterse nunha referencia na programación de Nadal de Compostela.

Os concertos, de dúas horas aproximadas de duración, celebraranse na praza do Toural. De non acompañar o tempo celebraríanse na Aula Cultural de Caixa Galicia. A primeira das actuacións terá lugar o sábado 20 e reunirá ás corais Pontemantible, Pontepedriña, Lavacolla, José Saramago e Irmán Gómez.

O domingo 21 as corais protagonistas serán a Xúbilo. Asociación de Pensionistas e Xubilados, a Colexiata de Sar, a Amigos de Compostela, a Xuntanza e a de La Salle. Para rematar, o luns 22, cantarán panxoliñas as corais Castiñeiriño, Santa Susana, Alfaia, Cantigas e Agarimos e Coto da Nai.

Compartir: