REAL FILHARMONÍA

A Real Filharmonía Galega inicia a nova temporada na Catedral, no seu décimo aniversario

04/10/2005 A Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección do mestre William Lacey, inicia a temporada 2005-2006 o xoves 6 cun concerto de pretemporada na catedral de Santiago, no que se interpretarán obras de Haydn e Bach. A Real Filharmonía celebra este ano o décimo aniversario da súa creación.

O xoves 6 de outubro ás 21.30 horas na Catedral de Santiago, a Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección do mestre William Lacey, inicia a temporada de concertos 2005-2006 interpretando as obras de Haydn, Sinfonía nº 52 en do menor e Misa Sancti Nicolai e de Bach, Cantata nº 132.

Intervirán os solistas Deborah York, soprano; Jordi Doménech, alto; Marcus Ullmann, tenor e Robert Holzer, baixo. Tamén se conta coa colaboración do coro Orfeón Terra a Nosa, dirixido por Miro Moreira.

O acceso ao concerto será gratuito previa retirada da invitación nas taquillas do Auditorio de Galicia os días 5 e 6 de 12 a 14 h. e de 17 a 20 h.

William Lacey, director
O director de orquestra William Lacey naceu en Londres en 1973. Recentemente, debutou con grande éxito na Cologne Opera e na Glimmerglass Opera de Estados Unidos. Das súas actuacións operísticas destes últimos tempos cabe destacar a dirección de Fidelio, así como unha moi aclamada nova versión de A frauta máxica, coa Opera North. As súas últimas aparicións en concerto foron coa Royal Scottish National Orchestra, Orchestre de Bretagne, Scottish Chamber Orchestra e coa Houston Symphony Orchestra. Co conxunto Plush Ensemble, dirixiu varios programas que combinan as cantatas de Bach con obras recentes de Kurtag, Carter e Birtwistle. A London Sinfonietta, a Orchestra della Toscana, Orchestra Filharmonica Marchegiana, Marin Symphony Orchestra e a Covent Garden Chamber Orchestra tocaron tamén baixo a dirección da súa batuta, e coa Tyrol Festival Orchestra dirixiu, en concerto, Das Rheingold.
Entre 1998 e 2001 foi o director da San Francisco Opera, e mentres ocupou este cargo dirixiu representacións de A Bohemia, The Tsar’s Bride, L’elisir D’amore, Semele, A frauta máxica e Aída, con artistas tales como Dimitri Hvorostovsky, Olga Borodina, Ruth Ann Swenson e Anna Netrebko.

Ademais, dirixiu novas producións de Così Fan Tutte, A italiana en Alxer e Albert Herring para o San Francisco Opera Center. Como director asistente traballou en estreita colaboración con Valery Gergiev, Sir Charles Mackerras, e moi en particular con Donald Runnicles.

William Lacey estudou no King’s College de Cambridge, en Venecia e en Salzburgo. Para a súa formación como pianista e músico de cámara, estivo longo tempo baixo a tutela de Gyorgy Kurtag e de Alfred Brendel. Comezou a súa carreira de director na Almeida Opera, e como director asistente en Londres, Aldeburg, Munich e Pesaro.

Para esta temporada ten previsto dirixir unha serie de concertos coa Hong Kong Philharmonic e coa Israel Camerata; Così Fan Tutte na Utah Symphony & Opera; Ottone de Händel, en Porto; unha gravación coa Haydn Chamber Orchestra Bolzano, e a Sinfonía Nº 5 de Mahler no Tyrol Festival de Austria. Durante a próxima temporada, dirixirá unha nova produción de Graham Vick de Don Giovanni para a Birmingham Opera Company, e debutará na Houston Grand Opera, dirixindo L'incoronazione di Poppea con Susan Graham, e na Santa Fe Opera con A frauta máxica.

Compartir: