CASCO HISTÓRICO

A Comisión Asesora do Casco Histórico dá o visto bo ás obras de ampliación e mellora no Pazo de Bendaña

17/12/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu a Comisión Asesora do Casco Histórico que deu luz verde ás obras de mellora do Pazo de Bendaña. Tamén se aprobaron dúas intervencións na igrexa das Ánimas e na da Universidade. Estas tres obras serán acometidas polo Consorcio de Santiago.

As obras no Pazo de Bendaña teñen un orzamento de execución material de 434.771 euros. A intervención consiste no acondicionamento das dependencias que ocupaba EMUVISSA para ampliar a superficie destinada á Fundación Granell. Está prevista unha actuación no patio interior do edificio, derrubando as construcións existentes de fábrica de ladrillo e cuberta de tella para liberar a superficie orixinal do patio e así proceder á súa cubrición cunha estrutura lixeira acristalada.

A intervención na capela das Ánimas ten unha finalidade restauradora e un orzamento de 258.620 euros. Trátase de recuperar os nove retablos existentes no interior desta capela. O estado actual dos mesmos é deficiente debido á degradación dos estucos, como consecuencia da elevada humidade e as filtracións de auga no interior da igrexa.

Respecto á igrexa da Universidade, a Comisión autorizou o acondicionamento térmico da súa nave. Estas obras realízanse tendo en conta o uso da igrexa como sala de exposicións e de concertos e a ausencia de illamentos. Procederase a substituír e ampliar a instalación eléctrica e a realizar o devandito acondicionamento térmico. O orzamento de execución material é de 41.992 euros.

Por outra parte, a Comisión Asesora do Casco Histórico autorizou outro grupo de proxectos privados: a reforma interior e ampliación de dúas plantas dun inmoble na rúa Xelmírez; a rehabilitación dunha vivenda unifamiliar na rúa Carretas; a legalización das obras de peche e ampliación de ocos nunha fachada da rúa Campo de Santo Antonio; o proxecto básico para dúas vivendas acaroadas no rueiro de Figueiriñas e o proxecto básico para tres vivendas en ringleira e garaxes nesta mesma rúa.

Compartir: