EMPREGO

O 40% dos participantes no Crear V están traballando e o 33% realizan prácticas en empresas

17/12/2008 O 40% das persoas usuarias do Proxecto Crear V accederon ao mercado laboral dende que a Concellaría de Promoción Económica e Emprego comezou a desenvolver o programa, o 15 de setembro Esta cifra de 30 persoas insertadas, 16 mulleres e 14 homes, é cinco puntos superior aos obxectivos fixados pola Xunta de Galicia ao remate do programa, de 26 participantes (o 35% do total). Está previsto que o programa, no que participan 75 persoas, remate o 31 de marzo do 2009.

Outras 25 persoas que participan no Proxecto Crear V, 11 mulleres e 14 homes, están realizando prácticas en 22 empresas concertadas a través do programa. Esta cifra representa o 33,33% dos participantes.

O obxectivo do Proxecto Crear é facilitar o acceso ao mercado laboral a persoas con especiais dificultades de inserción ou reinserción: mulleres, mocidade sen emprego anterior, desempregadas/os de longa duración, inmigrantes e emigrantes retornados/as e mulleres e homes con algún tipo de discapacidade. As persoas que participan no programa reciben formación e asesoramento para acadar un emprego axeitado ás súas expectativas e capacidades a través da posta en marcha de Itinerarios Personalizados de Inserción.

Unha vez concretado o plan persoal de inserción, no que se definen os perfis profesionais das/os participantes, desenvólvense obradoiros formativos á carta, orientados a mellorar as habilidades e posibilidades de inserción. Desde que comenzou o programa desenvolvéronse 18 cursos, que suman 353 horas lectivas.

A última fase do Proxecto Crear é a de seguimento das persoas que non conseguiron insertarse laboralmente. Aquelas que accederon ao mercado laboral pero buscan mellorar as súas expectativas de emprego intégranse na Bolsa de Emprego. O orzamento do Proxecto Crear V é de 125.647,06 euros, cofinanciados pola Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo e o Fondo Social Europeo.

Compartir: