CULTURA

Inaugúrase na Zona "C" a exposición "Artisticamente (in)correcto"

17/12/2008 O xoves 17, ás 19:00 horas, na Zona "C", inaugurarase a exposición Artisticamente (in)correcto, de Amaya González. Trátase dun proxecto creado especificamente pola artista para este espazo.

A intervención confórmana 16.865 cuñas de madeira. Son as que lle fixeron falta a Amaya González para soster os muros da sala de exposicións, quizais sirvan tamén para axustar a fraxilidade e a inestabilidade dun ámbito que os necesita. O colector arquitectónico funciona como metáfora das estruturas de poder que existen no sistema da arte como en calquera outro.

En resumo a inestabilidade, a tensión, a suxeición, os límites, e a sustentación son o material de traballo deste proxecto.

O acto de inauguración contará ca presenza de Elvira Cienfuegos, tenenta de alcalde e concelleira de Cultura e Centros Socioculturais; Paulo Rodríguez Domínguez, director-xerente do Auditorio de Galicia, e a artista Amaya González.

A mostra, organizada pola Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais, coa xestión do Auditorio de Galicia, permanecerá aberta ata o 8 de febreiro de 2009 e pode visitarse todos os días, excepto o luns, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. A Zona "C" está situada na rúa San Domingos de Bonaval, 1.

Compartir: