ALCALDÍA

O profesor Juan Carlos Hermida recibe en Raxoi o I Premio Home Galego pola Igualdade

17/12/2008 O Salón Nobre de Raxoi acolleu a entrega do I Premio Home Galego pola Igualdade. Juan Carlos Hermida Bouza, profesor do IES nº 1 de Riveira (A Coruña), recibiu o galardón nun acto presidido polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo.

O premio, promovido por Homes Galegos pola Igualdade recoñeceu nesta primeira edición o traballo de Juan Carlos Hermida Bouza no ámbito educativo para promover a igualdade e desenvolver actividades en prol da igualdade de xénero e a asunción de roles de tolerancia e non violencia nas aulas. O xurado tamén destacou "o seu traballo na sensibilización entre rapaces e rapazas da necesidade do compromiso da corresponsabilidade no ámbito doméstico como camiño cara a igualdade real e efectiva".

O desexo de Dende Homes Galegos pola Igualdade é que este premio sirva "para visibilizar e motivar aos homes no compromiso do traballo pola igualdade como camiño para conquerir unha sociedade moderna e de futuro". Nesta edición, ademais do gañador, foron candidatos Xosé Anxo Vidal Pan (xinecólogo do COF da Coruña), José Luís Doval Conde (xinecólogo do COF da Coruña ), Anxo Moure (activista e pacifista), Gerardo Crespo Riestra (propietario do Grupo Azetanet), Ramón Sánchez Rodríguez (profesor da USC) e Manuel Díos Díz (presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz)

O xurado que se reunira o 9 de outubro para elixir o gañador estaba formado pola secretaria xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, Carme Adán; a presidenta da Asociación Implicadas-os, María Reimóndez; a poeta Yolanda Castaño; a directora do Centro de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero da USC, Rita Radl Phillip; a concelleira de Benestar e Muller, Mar Martín; o subdirector de El Correo Gallego, José Antonio Pérez; o presidente da FEGAMP, Carlos Fernández; e o profesor da USC e membro da Asociación Homes Galegos pola Igualdade Jorge García.

Igualdade real e efectiva
Homes Galegos pola Igualdade é un grupo de homes que, segundo din no seu ideario, "recoñece a responsabilidade masculina no mantemento da subordinación social das mulleres". A súa intención é "reflexionar para cuestionar o ideal de masculinidade tradicional buscando un novo modelo e denunciar todo tipo de discriminación".

Entre os seus obxectivos está favorecer a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres, en todos os aspectos e ámbitos, loitando especialmente contra a discriminación sufrida polas persoas con discapacidade, as persoas maiores e as inmigradas.

O acto desenvolvido en Raxoi foi presentado pola concelleira de Benestar social e Muller, Mar Martín García. Tras a entrega do premio e o discurso do galardoado, clausurou o acto o alcalde.

Compartir: