SEGURIDADE CIDADÁ

A Ordenanza de Convivencia e Limpeza prohibirá a venda de alcohol pola noite

17/12/2008 Respondendo a un compromiso do alcalde manifestado no Foro polo Civismo, a Xunta de Goberno do 16 de decembro aprobou a modificación da Ordenanza de Convivencia, Residuos e Limpeza Viaria. Este cambio permitirá incluír un artigo no que se establece a prohibición da venda de alcohol para consumo na vía pública de 22:00 a 8:00 horas, recollendo tamén a posibilidade do decomiso desta mercancía.

A concelleira de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano, presentou esta modificación, que será aprobada inicialmente no Pleno ordinario de decembro. Unha vez superado o período de alegacións, volverá ao Pleno para a súa aprobación definitiva. Así, a previsión municipal é que a Ordenanza xa modificada poida entrar en vigor a finais de marzo.

A Ordenanza de Convivencia, Residuos e Limpeza Viaria recolle no seu artigo 67 a prohibición xeral do consumo de bebidas alcohólicas na vía pública en determinados supostos. Agora achéganse novos apartados ao devandito artigo.

Engádese a prohibición da distribución e venda de bebidas alcohólicas, independentemente do seu grao alcohólico, destinadas ao consumo fóra do propio establecemento de venda, entre as 22:00 e as 08:00 horas do día seguinte. Quedan exceptuados desta limitación os veladores e terrazas de establecementos dedicados á restauración ou hostalería, así como en festas, feiras, romarías e festexos populares previa autorización expresa do Concello.

Intervención cautelar
Nos supostos anteriores, os axentes da autoridade poderán retirar e intervir cautelarmente as bebidas, os envases e os demais elementos obxecto das prohibicións, así como os materiais ou os medios empregados. As bebidas alcohólicas e alimentos inservibles poderán ser destruídos inmediatamente por razóns hixiénico sanitarias.

Ademais dos supostos previstos expresamente nesta Ordenanza, os axentes da autoridade poderán, en todo caso, decomisar os utensilios e xéneros obxecto de infraccións ou que serviron, directa ou indirectamente, para a comisión da mesma, así como o diñeiro, os froitos e os produtos obtidos coa actividade infractora. Estes quedarán baixo custodia municipal mentres sexa necesario para a tramitación do expediente sancionador ou, a falta deste, mentres perduren as circunstancias que provocaron o decomiso. No caso de bens funxibles, destruiranse ou daráselles o destino axeitado.

Os obxectos decomisados poranse a disposición do órgano sancionador competente para a resolución do expediente. Unha vez ditada resolución firme e transcorridos dous meses sen que o titular recuperase o obxecto, procederase á súa destrución ou entregarase gratuitamente a entidades sen ánimo de lucro con fins sociais.

Compartir: