ALCALDÍA

O alcalde fala do futuro de Compostela

16/12/2008 Na tarde de mañá mércores 17, o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, pronunciará unha conferencia baixo o lema "O futuro de Compostela" organizada polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Santiago. O acto terá lugar na sede do colexio (rúa Ramón Piñeiro, nº 5) ás 20:30 horas.

Xosé A. Sánchez Bugallo, partindo da realidade actual e do proceso de construción da modernidade vivido en Santiago nas últimas décadas, fará un repaso dos aspectos máis salientables que van definir o futuro da nosa cidade. O PXOM e o Plan Estratéxico serán dous dos eixos sobre os que vertebrará a súa intervención, establecendo as liñas do crecemento urbano, das novas infraestructuras, da oferta de vivenda protexida e dos novos parques industriais. Falará tamén das liñas estratéxicas da capital de Galicia no concerto dos novos equilibrios territoriais da comunidade.

Na súa intervención, Xosé A. Sánchez Bugallo, subliñará a fortaleza de Compostela fronte a crise da construción e fará un percorrido polas previsións na promoción industrial e comercial, as estratexias na potenciación do turismo, o cambio que vai representar a integración da Cidade da Cultura no tecido urbano e cultural e a efectividade das políticas sociais, entre outros asuntos.

Compartir: