PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica amosa os seus recursos e programas nunha nova publicación

16/12/2008 A Concellería de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo editou unha memoria-revista. A publicación, bianual, ten unha tirada de 30.000 exemplares, que na meirande parte se distribuíran en encartes con El Correo Gallego (16 de decembro) e con La Voz de Galicia (17 de decembro).

O titular da Concellaría, Xosé Manuel Iglesias, presentou esta publicación funcional, que tenta ser unha ferramenta eficaz para a cidadanía, informándoa sobre os programas e accións formativas que desenvolve Promoción Económica. Con esta memoria en formato revista o departamento quere achegarse a esas persoas e entidades potencialmente beneficiarias dos seus programas, coa finalidade de prestarlle un servizo útil e para que, se o necesitan, saiban onde está a Concellería, que fai e en que lles pode prestar axuda.

A publicación estrutúrase en cinco partes, a primeira das cales ofrece unha descrición das distintas oficinas e servizos da Concellería, coa súa localización. A continuación, a revista presenta os diferentes proxectos desenvolvidos. A terceira parte dedícase ao emprego e a todos os programas ligados ao mesmo, mentres que a cuarta contén información sobre os programas destinados ao comercio e á hostalería. Finalmente, os lectores atoparán os programas de promoción turística.

Compartir: