COMERCIO

Un catálogo de promoción comercial recolle corenta e catro ideas para regalar no Nadal

16/12/2008 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou o Catálogo de promoción comercial de Compostela Regalar custa pouco. Trátase dunha publicación deseñada e editada dun xeito funcional e elegante ao mesmo tempo, seguindo criterios de calidade. Contén os 44 produtos seleccionados no concurso.

Os produtos do catálogo amosan un comercio moderno, innovador e competitivo, adaptado as actuais demandas de consumo. Na selección, realizada por un xurado de profesionais e expertos no sector comercial, tívose en conta a especialización dos produtos, a relación calidade-prezo e a novidade e orixinalidade no concepto de envases e embalaxes.

Ademáis de mostrar a calidade do comercio compostelá, o programa Regalar custa pouco ten como finalidade promocionar os seus produtos co obxectivo de potenciar as compras nos estabelecementos comerciais da cidade durante o Nadal. Actúa así como programa de modernización e dinamización do sector, para que Compostela se consolide aínda máis como a capital de compras da súa área de influencia e da euro-rexión Galicia-Norte de Portugal.

Cunha tirada inicial de 5.000 exemplares, o catálogo de Regalar custa pouco distribuirase en centros socioculturais, oficinas de turismo e polas rúas de Compostela. A publicación estrutúrase en 48 páxinas.

Xunto a cada un dos produtos móstrase unha breve descripción, o nome do estabelecemento no que se pode mercar e o prezo de venda ao público. Este prezo é o mesmo co que concursou en Regalar custa pouco, e manterase ata o 5 de xaneiro, mentras dure a campaña de Nadal, ou ata agotar existencias. Os produtos están clasificados polos rangos de prezos estabelecidos no concurso: ata 5 euros, ata 10 euros, ata 20 euros, ata 30 euros, ata 50 euros e ata 100 euros.

Regalar custa pouco é un programa de promoción e dinamización comercial, como o Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping, a feira de saldos Compostela Outlet ou o conxunto de actividades enmarcadas en Marzo, mes do comercio; todos eles desenvolvidos pola Concellaría de Promoción Económica e Comercio.

Compartir: